A veciñanza da Pontenova nos ollos de Edelmiro Méndez

O libro 'Edelmiro Méndez. Da Terra que fomos' contén 226 fotografías, das que 219 foron tiradas en branco e negro por Méndez entre os anos 1957 e 1964 no actual concello da Pontenova.
Presentación do libro sobre Edelmiro Méndez, esta sexta feira, na Pontenova. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Presentación do libro sobre Edelmiro Méndez, esta sexta feira, na Pontenova. (Foto: Nós Diario)

Edelmiro Méndez deixou tras de si un arquivo fotográfico inmenso a través do que achegarse á Galiza do século pasado. Unha obra de gran valor etnográfico que a editorial Canela, coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, vén de publicar co título Edelmiro Méndez. Da Terra que fomos. O libro recompila o traballo deste fotógrafo da Pontenova (A Mariña) realizado entre 1957 e 1964 grazas á inestimábel achega de Xosé Manuel Méndez, fillo do fotógrafo.

Esta sexta feira presentouse no municipio mariñao unha obra que ofrece unha mirada limpa e ordenada, chea de maxia, na que os suxeitos transcenden o obxectivo da cámara fotográfica mostrando unha profunda complicidade co fotógrafo, con quen mantiñan unha relación próxima propiciada pola súa empatía e por ter exercido anteriormente como zapateiro e gaiteiro, e tamén porque a súa esposa Pilar rexentaba unha taberna en Xinzo.

A deputada de Cultura da institución provincial, Iria Castro, acompañou o autor do libro e mais o editor, Pablo Quintana, nun acto con moito público, entre o que se encontraban familiares e varias das persoas cuxos retratos se recompilan no libro. Castro valorou o traballo de Xosé Manuel Méndez "na conservación e dixitalización do patrimonio fotográfico da familia, que dá orixe a este libro" e ao editor e destacou "a importancia de colaborar con este tipo de publicacións que son unha ferramenta para coñecer unha parte da nosa historia, a través de rostros e paisaxes próximas".

Edelmiro Méndez. Da Terra que fomos contén 226 fotografías, das que 219 foron tiradas en branco e negro por Méndez entre os anos 1957 e 1964 no actual concello da Pontenova, conformando un conxunto de gran valor histórico, etnográfico e documental que representa a sociedade local tradicional, recoñecíbel aínda por moitas persoas, cando iniciaba a transformación que se consolidaría anos despois.

O discurso visual do libro percorre o ciclo vital das persoas, que o fotógrafo rexistra desde o nacemento até a morte, nas festas lúdicas e relixiosas, romarías, xogos, divertimentos, vodas, mallegas e outros aspectos do ciclo agrícola, festivo, etcétera. Completan a obra os textos de bos coñecedores do traballo fotográfico de Edelmiro Méndez, como son Xosé Manuel Méndez, o seu fillo maior; José M. Salgado, fotógrafo profesional e editor gráfico desta obra; Anxo Fernández Ocampo, especializado en antropoloxía visual e docente na Universidade de Vigo, e Xoán Ramiro Cuba, etnógrafo e escritor.

En conversa con Nós Diario, o autor destaca que o que fai o libro "é retratar a vida, desde o nacemento até a morte, pasando por todo o que vai facendo a xente. As festas, as mallas, os traballos colectivos, os ferreiros, os cesteiros, os músicos...".

"A complicidade entre retratista e retratados percíbese na mirada que lle devolven estes. Edelmiro fotografa desde a proximidade de quen coñece o medio porque forma parte del. Para el unha mallega, un feixe de toxo ou o oficio de cesteiro, ferreiro, zapateiro ou zoqueiro forman parte da súa vida cotiá. El é un deles", salienta.

Máis en CULTURA
Comentarios