Os “Encontros de Mariñán” reúnen creadores e creadoras emerxentes

Ao longo de cinco días estudantes de distintas disciplinas reúnense e desenvolven proxectos de creación artística
Foto de familia das xornadas.
photo_camera Foto de familia das xornadas.

A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) está a celebrar nestes días a 5ª edición dos Encontros de Mariñán, unha actividade que organiza desde 2018 en colaboración coa Deputación Provincial da Coruña.

Nesta edición reúnense arredor de corenta estudantes das distintas institucións de ensinanzas artísticas da Galiza procedentes dos conservatorios superiores de música da Coruña e Vigo, as escolas de arte e superiores de deseño “Antonio Failde” (Ourense), “Mestre Mateo” (Santiago de Compostela), “Pablo Picasso” (A Coruña) e “Ramón Falcón” (Lugo), a Escola Superior de Arte Dramática de Galiza (Vigo), as facultades de Belas Artes e de Deseño da Universidade de Vigo, máis a Escola de Imaxe e Son da Coruña.

Ao longo de cinco días estudantes de distintas disciplinas reúnense e desenvolven proxectos de creación artística. O obxectivo é promover o coñecemento, intercambio e colaboración entre artistas con formacións diversas pero confluentes.

 

Neste ano que a RAGBA dedica o Día das Artes Galegas ao escultor Francisco Asorey, os proxectos, baixo o título xenérico de A pedra: tempo e materia, desenvólvense arredor da temática deste material especialmente vencellado á obra do escultor.

Na xornada inaugural, o 25 de xuño, o profesor Juan Fernando de Laiglesia, catedrático de Escultura da Universidade de Vigo, impartiu a conferencia "Máis de 40 pedras", na que presentou o tema destes encontros facendo unha lectura aberta do tema de partida. O arranque dos encontros rematou cunha actuación a cargo de estudantes da Escola Superior de Arte Dramática de Galiza e un concerto de percusión, especialmente dedicado á pedra, interpretado por estudantes do Conservatorio Superior de Vigo.

Estes días de convivencia e traballo continuarán o día 28 cunha conferencia do académico da RAGBA Felipe Senén sobre Francisco Asorey, ás 10 horas, e unha tarde de portas abertas cara ao público, a partir das 21 horas. 

Comentarios