Toucedo, montadora de profesión, tardou varios anos en rodar o filme. O seu achegamento documental ao Courel foi aos poucos contaminándose do irreal, do invisíbel, da ficción popular. Cunha adolescente de 13 anos como protagonista e unha compañía de actores non profesionais cuxa confianza gañou co tempo, a cineasta elabora unha obra delicada en que o abandono e o despoboamento determinan a paisaxe.
Producida por Lasoga Films, empresa galego catalá, e pola propia cineasta, Trinta Lumes recibiu achega económica de Agadic para “producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego e para a promoción e difusión en festivais e mostras de prestixio internacional”. A de Toucedo viuse, entre outros, no de Berlín, no de Málaga ou no Toulouse Cinespaña.
A partir desta sexta feira, 8 de febreiro, Trinta Lumes chega aos cinemas. Estará nos Cantones da Coruña, nos Central da Estrada, nos Dúplex de Ferrol, no Codex de Lugo, na sala Numax e nos Norte de Vigo. Máis alá de Galiza, haberá pases nos Cinemes Girona de Barcelona, no Espai Funatic de Lleida e no Círculo de Belas Artes de Madrid. A algunhas destas proxeccións -na Coruña, Lugo, Santiago e Vigo- asistirá a propia directora.
O número actual do semanario Sermos Galiza (333) publica unha entrevista con Diana Toucedo.
Nota: a cineasta Diana Toucedo. Foto: cedida.