Éxito de "Les coses grans" e "Entre pipas" nos premios Carballo Interplay

O Carballo Interplay converteu á vila bergantiñá en referente audiovisual no ámbito estatal, nun primeiro festival de webseries onde a obra catalá arrasou gañando tres galardóns (mellor webserie de imaxe real, mellor interpretación feminina para Mar de Ulldemolins e o premio do público). 'Entre pipas' foi a segunda mellor recoñecida polo xurado.

carballoII-crop
photo_camera As presentadoras da gala, Sonia Méndez e Sandra Lesta.

A catalá "Les coses grans" arrasou na entrega de premios do Carballo Interplay, o primeiro festival de webseries do Estado. Levou, en total, tres dos galardóns (mellor webserie de imaxe real, mellor interpretación feminina para Mar de Ulldemolins e o premio do público). "Entre pipas" foi a segunda mellor recoñecida polo xurado, cos premios á interpretación masculina (aos galegos Luis Zahera e Xúlio Abonjo) e ao mellor guión. "Ventura time", como mellor serie de animación, e "Poetarras", como mellor serie en galego, completaron o podio. Houbo, ademais, mencións especiais para a webserie galega "Palabras secretas", para a veterana serie de animación "Cálico electrónico", e tamén para o guión de "La vida.es".

A gala de entrega de premios foi o momento cume deste Carballo Interplay que converteu á vila bergantiñá en referente audiovisual no ámbito estatal. Porque, se Lumiere vivira hoxe en día, probablemente non fora ao festival de San Sebastián, se non a Carballo, tal e como indicou Roger Alatriste, o fundador na produtora transmedia "El cañonazo" na súa master class sobre Branded Content, para sinalar que, en festivais como o CIP está o futuro. Foron días intensos, dende o xoves 24, coas mañás dedicadas á reflexión; coas tardes completas coa exhibición das webseries a concurso, e coas noites destinadas ao ocio, con concertos de bandas locais (Arabian Evils, Apart e The Gentlemen band) e con actuacións de grupos como Unicornibot, éxito entre público e crítica e cabeza de cartel na noite do sábado.

Historias que estaban sen contar

En tempos de pesimismo, sobre todo para a cultura, o que puidemos ver e sentir en Carballo foi ilusión, esperanza, e a forza dos camiños de futuro que, para o audiovisual, se abren na rede. É en Internet onde se refuxian historias, como as que nos ofrecen as webseries, que as televisións xeneralistas, sometidas á audiencia entendida como masa uniforme e ao politicamente correcto, nunca contarían. En definitiva, o modelo de "Malavida", unha webserie que narra a vida de personaxes marxinais nunha barriada sevillana, entre litronas e porros, fronte ao modelo "Los Serrano", que durante anos nos contou a vida feliz dunha familia irreal por modélica nunha coñecida televisión xeralista.

As e os creadores na rede, con moi pouco, proporcionan produtos que destacan pola súa frescura e innovación, precisamente porque, cando non hai recursos, unha das poucas formas de saír adiante é arriscar, e máis nun mundo como o da rede, no que xa non existe a audiencia como masa. "Se non tes recursos non che queda outra que ser arriscado. Ser arriscado tendo recursos é difícil", indicou nunha moi interesante mesa de novas narrativas o director Felipe G. Gil.

Do underground á imaxe de marketing

Internet é un gran campo de xogo experimental para o audiovisual. De aí, que contidos como as webseries foran até o de agora considerados en boa medida como underground. A dúbida, unha vez máis, é como sacar rendibilidade das creacións para a rede cando detrás non hai unha industria audiovisual que financie. Como, con moito humor, indicaron Sonia Díaz (a directora do CIP) e Sandra Lesta (responsábel de organización de actividades paralelas) nun sketch da gala de clausura, as webseries adoitan ser feitas con moi pouco ou practicamente ningún orzamento, e sen beneficios. No Carballo Interplay, porén, vimos, porén, exemplos de éxito, como as e os creadores de webseries como "Malviviendo" ou "Freaklances", que remataron por facer da elaboración de contidos para a rede o seu modo de vida.

Un dos conceptos que, quizais, máis chamou a atención foi o Branded Content. O termo refírese á aposta que están a facer marcas comerciais pola rede como forma de publicitarse dunha maneira distinta, pulando pola produción de historias (como as propias webseries) ao redor desa marca. "As marcas déronse conta de que poden ser, elas mesmas, grandes medios de comunicación", indicou Roger Alatriste. De aí que empresas como Redbull estean a elaborar contidos audiovisuais, mesmo longametraxes, premiados en grandes festivais, como San Sebastián.

De Gadis ao Xabarín Club: o imaxinario audiovisual galego

Un dos momentos do CIP que mellor sabor de boca deixou, que máis risos deitou, foi a sesión protagonizada polo actor e humorista Xosé Antonio Touriñán, que nos desvelou o seu código fonte, un formato de exposición no que @ conferenciante deixa que sexan as imaxes as que leven o peso do seu discurso, que está enfiando a partir de diversos fragmentos de vídeos que considera relevantes para el. O modelo, creado polo Colectivo Embed, facíase por primeira vez na Galiza e en galego. Touriñán amosounos os vídeos que, de algunha maneira, o marcaron, e que en boa medida coinciden con imaxes que todas e todos os galegos temos en mente: dende os anuncios do "Sexamos como galegos" de Gadis, tan idílicos como afastados da realidade, como amosou con gran humor na súa exposición, até momentos que a tod@s ou case, nos quedaron gravados, como o penalti de Djukic, o vídeo do veciño de Cariño que, nos 90, denunciou que unhas prostitutas lle roubaran tras meterlle droga no Colacao, o Xabarín Club, a morte de Currás en Mareas Vivas ou o videoclip de Pimpinela sobre Galicia.

Foron catro días intensos, que reuniron a creadoras e creadores das máis diversas partes do Estado e que fixeron que Galiza fora pioneira alí onde se está a escribir o futuro do audiovisual.

Máis en CULTURA
Comentarios