É o Pazo da Cultura, núcleo da programación desta 20ª edición, o que acolle maior número, en concreto oito. Deseñadas pola Asociación Socioeducativa e Cultural Paspallás en colaboración con Trisquella, Ana Seoane e Elefantes de Cacharrería, unha delas céntrase nos traballos de máis de 60 centros de ensino. Outra recolle os poemas de Antonio García Teijeiro, premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, e as ilustracións de Marcos Viso: Paseniño, paseniño.
A gañadora do segundo concurso Internacional de Ilustración do Salón, a estoniana Tiiu Kitsit, expón Revolución!, “mostra que pon en valor o potencial expresivo e comunicativo da ilustracións”. O Premio Andersen de Ilustración Roger Mello amosa “de forma delicada, poética e orixinal” a “dura realidade cotiá dun rapaz que traballa nas minas de carbón de Brasil”: Carvoeirinhos.
“A materia prima do seu traballo nestes libros son os movementos das pequenas cousas que na nosa velocidade interior adoitan impedirnos percibir”, explica a organización sobre a exposición Voar, do debuxante brasileiro André Neves. O percorrido literario e visual de Cátia Vidias “polas máis destacadas figuras femininas de Portugal” é Portuguesas con M Grande. O alumnado do mestrado en Libro Ilustrado e Animación Audiovisual da Universidade de Vigo ofrecen a súa ollada en R-evolución do MI.
No recinto feiral
“As poéticas imaxes de Susana Suniaga viaxan por distintos espazos urbanos desde a perspectiva imaxinada dunha nena”, di o Salón do Libro sobre A miña cidade, unha das cinco exposicións do recinto feiral. Poemas de João Pedro Mésseder, imaxes de Ana Biscaia e deseño de Joana Monteiro forman Clube Mediterráneo, “orixinal e revolucionaria instalación sobre o darama dos refuxiados”.
Ángel de la Calle ensina en Ao final da fuxida o making of da súa novela gráfica Pinturas de guerra. Vinte e cinco alumnos e alumnas do curso profesional de banda deseñada de Garaxe Hermético confeccionaron Intraterra, unha BD subterránea, cuxas láminas poden verse no recinto.
O segundo andar do claustro no edificio sarmiento do Museo de Pontevedra expón en Motim obra do Movimento de ilustração portuguesa.E na biblioteca pública Antonio Odriozola, ilustradoras e ilustradores de Galiza, Moçambique, Cabo Verde e Guiné-Bissau fan parte da exposición Os obxectivos do desenvolvemento sostible, realizada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
No Pazo da Cultura e no recinto feiral hai, ademais, ambientación xeral proporcionada pola asociación Paspallás, Trisquelia, ana Seoane e Elefantes de Cacharrería.
A 20ª edición do Salón do Libro de Pontevedra ten como cultura invitada a lusofonía e como lema Revolución
.