Filoloxía da UDC exporá un manuscrito inédito de 'Os pasos contados'

A mostra ten un texto orixinal do primeiro poemario de Villalta.
A escritora Luísa Villalta. (Foto: Arquivo familiar de Luísa Villalta).
photo_camera A escritora Luísa Villalta. (Foto: Arquivo familiar de Luísa Villalta).

A Biblioteca da Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña (UDC) expón, co gallo do Día das Letras Galegas 2024, varias creacións destacadas de Luísa Villalta, homenaxeada este ano, até o 31 de maio. A mostra, coa que a facultade se quere sumar aos actos dedicados a esta escritora, filóloga e violinista, amosa fondos propios das bibliotecas da UDC e da Biblioteca Arquivo Pillado Mayor.

Os pasos contados é unha peza teatral inédita de Luísa Villalta, un drama expresionista en sete cadros, que localizou na Biblioteca-Arquivo Pillado Mayor a profesora da Universidade da Coruña e investigadora do Grupo Illa, Carme Fernández Pérez-Sanjulián, durante a revisión dos seus materiais.

Na exposición destacan, entre outras obras, o texto orixinal de Música reservada e o manuscrito inédito de Os pasos contados, así como un caligrama do poema da obra Ruído, dedicado a Pancho Pillado e que lle entregou a este poucos días antes de falecer. Trátase do único caligrama en cor que realizou Luísa Villalta, e un dos dous que fixo, xunto ao de Rota ao interior do ollo.

O texto orixinal de Música reservada contén unha dedicatoria manuscrita a Noli Vega e a Pancho Pillado, e ambos foron doados recentemente polas herdeiras de Francisco Pillado. Música reservada é o primeiro libro de poemas da escritora coruñesa, onde sobresaen os seus sonetos e onde xunta varios cadernos dispostos dende unha mirada retrospectiva. Está incluído na colección de Poesía das Edicións do Castro, proxecto editorial que foi liderado por Isaac Díaz Pardo.

A Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado Mayor nace dun convenio de doazón entre o escritor e a Universidade da Coruña, que foi asinado en 1996, enriquecendo os fondos da UDC.

Máis en CULTURA
Comentarios