Xeración Alfa

O creador de contido Gabi García e os videoxogos protagonizan o novo número de 'Alfa'

O cuarto número da única revista xuvenil en lingua galega distribúese esta terza feira, totalmente de balde, xunto ao xornal 'Nós Diario'.
O novo número de 'Xeración Alfa'.
photo_camera O novo número de 'Xeración Alfa'.

Esta terza feira, 28 de maio, como todas as terzas do presente mes, o xornal Nós Diario vén con premio. Xunto ao xornal poderás atopar, totalmente de balde, o terceiro número de Xeración Alfa, a única revista xuvenil en lingua galega. A publicación presentouse en sociedade o pasado 7 de maio en Pontevedra e tivo unha grande acollida, con até 6.700 exemplares distribuídos.

Desta volta o protagonista é o influencer Gabi García (@gabiiig8), a quen entrevista Rafa Ruíz-Matas para preguntarlle polos seus inicios nas redes sociais e a creación de contido en lingua galega. "Aínda que semella un clixé, as chaves son constancia e disciplina. Tes que realizar moitos intentos e publicar moitos vídeos antes de comezar a recibir certo recoñecemento entre a comunidade dixital", afirma.

Desde os xogos ambientados ou producidos na Galiza até a loita contra os prexuízos sobre o sector do videoxogo ou a súa concepción como produto cultural, na reportaxe de apertura deste número de Alfa Ana Loureiro ofrécenos unha perspectiva desde dentro.

Definir o teatro galego é tarefa complexa, mais compañías, actores e actrices pisan con forza os escenarios para demostraren as diferentes maneiras de entender o espectáculo teatral. Unha forma de recoñecerse nas historias doutra xente ou nas propias do país, e sobre iso escribe Loureiro na sección 'Lingua Viva'.

Cada vez máis estudantes decántanse por algunha das 26 familias das formacións profesionais. O seu carácter práctico e a cuestión laboral son algunhas das claves nas que mergullarse. No apartado 'A mocidade ten futuro' falamos da ampla oferta de FP que hai na Galiza.

A literatura é máis que letras xuntas ou debuxos soltos, e as novas voces teñen moito que dicir, escribir ou ilustrar, e iso poden constatalo Branca Trigo e Afra Torrado, con quen falamos na sección 'Creando' para adentrarnos na literatura das persoas máis novas.

Nesta cuarta edición da revista xuvenil contamos tamén coas recomendacións culturais do xornalista Rodri Míguez, así como cos eventos máis destacados dos próximos días na Galiza na nosa completa axenda. Aliás, Xoán Costa pon a traballar os nosos cerebros na sección de pasatempos 'Por lóxica'.

E, por último, entrevistamos na contracapa a Belén Puime, que despuntou coa súa produción Pringadas, recoñecida en 2021 co premio Mellor Webserie do Carballo Interplay.

Todo isto, e máis, no novo número da revista Xeración Alfa, de balde co xornal Nós Diario esta terza feira, 21 de maio. Non quedes sen ela!

Comentarios