Galiza Cultura homenaxeou en Ferrol a escrita e o compromiso de Villalta

A capela do Centro Cultural Torrente Ballester acolleu o acto.
Luísa Villalta, en 2002 (Foto: Xurxo Gómez-Chao).
photo_camera Luísa Villalta, en 2002 (Foto: Xurxo Gómez-Chao).

A capela do Centro Cultural Torrente Ballester acolleu esta cuarta feira un acto organizado pola Federación Galiza Cultura coa colaboración da Sociedade Cultural Medulio.

Baixo o lema Inaugurar o tempo da Xustiza. Celebrando a Luísa Villalta, tivo lugar un recital poético a cargo de Marica Campo e Xulio López Valcarce, seguida dunha intervención laudatoria a cargo da profesora e escritora María Pilar García Negro, que co título Luísa Villalta: "Eu renazo galega", achegou a cara máis intima e persoal da autora, a da activista comprometida e relacionada co tempo que lle tocou vivir e a súa implicación cos movementos sociais e políticos expresados a través da cultura e da súa obra. 

Finalmente, houbo concerto do Grupo Instrumental “Siglo XX” con Daniel Vlashi, violino, Florian Vlashi, violino, Luigi Mazzucato, viola, Raúl Mirás, violonchelo e Rediana Lukaiçi, violonchelo, que interpretarán In memoriam de Moni Kurçi, O paseo das esfinxes, de Paulino Pereiro e Transcrición da Suite núm. 3 para cello Op.296, adaptación de Paulino Pereiro de J.S. Bach de 2021. 

De igual modo que no acto realizado na Coruña no pasado mes de marzo tamén por Galiza Cultura, en Ferrol quíxose pór en destaque todas as facetas vitais de Villalta: como poeta, como dramaturga, como ensaísta, como violinista e, tamén, como persoa coñecida e recoñecida por implicarse social e politicamente nun innumerábel ronsel de iniciativas cívicas e culturais que reclamaban dereitos e liberdades.

Naquel acto decorreu o recital poético Luísa Villalta na voz dos poetas, no que participarán Marica Campo, Xulio López Valcarce, Cesáreo Sánchez e Eva Veiga, compañeiros e compañeiras escritoras que, recorrendo da propia Luísa, declamarán a súa poesía.

Comentarios