Unha historia do século XX ou como emancipar a muller e a clase obreira

A estrea na Galiza de A virxe roxa, de Marcos Nine, abriu onte o festival Novos Cinemas de Pontevedra. O documental de creación toma como referencia o caso de Aurora Rodríguez Carballeira e da súa filla Hildegarth, para reflexionar sobre a historia da emancipación das mulleres e da clase traballadora. 
Un fotograma de 'A virxe roxa', estreada en Pontevedra. (Foto: Recrea Films)
photo_camera Un fotograma de 'A virxe roxa', estreada en Pontevedra. (Foto: Recrea Films)

A historia é coñecida, mais non por iso menos abraiante: Aurora Rodríguez Carballeira, unha muller de Ferrol procedente dunha familia liberal e progresista, trazou un plan para dar a luz unha muller que guiase a sociedade cara a unha nova orde social. A súa filla sería unha muller criada e educada para alcanzar a perfección no seu obxectivo de liberar as mulleres e s clase obreira. 

A filla, Hildegarth, achegouse moito ao ideal da súa nai: con só dezaoito anos convertérase na avogada máis nova do Estado, estudaba outras dúas carreiras -Filosofía e Letras e Medicina-, escribía desde os catorce en xornais e revistas, relacionábase con figuras como Juan Negrín, Gregorio Marañón, Ortega y Gasset ou H. G. Wells, e publicara varios libros sobre cuestións sociais, educación sexual e euxenesia. Mais a deterioración da relación coa súa nai -"queres que triunfe pero non coa miña personalidade, senón como unha prolongación da túa", acusa Hildegarth a súa nai- conduciu a un tráxico final: o 9 de xuño de 1933, Aurora disparaba catro veces sobre o corpo durmido da súa filla, poñendo punto final a aquela prometedora traxectoria. 

Marcos Nine (A viaxe de Leslie, Manuscritos pompeianos, Carcamáns) vén de abrir o festival Novos Cinemas de Pontevedra con A virxe roxa, un filme que afonda nesta historia, na que se entrecruzan varios temas que seguen presentes na nosa sociedade. “Seguramente a película ten moito máis a ver con Aurora que con Hildegarth, pero máis alá da peripecia das dúas protagonistas, a historia permitíame afondar en dúas etapas históricas que sempre me fascinaron: a II República e o final do século XIX, no que teñen lugar acontecementos que seguen marcando o noso presente, desde a segunda revolución industrial até o florecemento do movemento obreiro”, explica o director en conversa con Nós Diario

Filla do seu tempo

“A figura de Aurora hai que entendela desde a súa época”, continúa Nine, “na que as teorías euxenéticas estaban moi difundidas entre a intelectualidade; unhas teorías que derivaban dunha certa interpretación do malthusianismo e que mantiñan que o control da poboación estaría asociado á mellora das condicións de vida da sociedade e, principalmente, das clases traballadoras. Aurora medra nese ambiente intelectual, cun pai masón que convoca na súa casa faladoiros cos intelectuais do Ferrol daquela altura, e moi influenciada polas ideas de cambio social. Aí xúntanse dúas ideas básicas do seu pensamento: o desexo de mellorar as condicións laborais da clase obreira e a convicción da necesidade de mellorar a educación sexual para redimir as mulleres”. 

A película de Nine resulta moi ilustradora no retrato de Ferrol, unha cidade -a máis grande da Galiza a finais do século XIX- polarizada entre a clase vencellada á Mariña e os traballadores, unha mestura que permite ao mesmo tempo un importante progreso económico e unha notábel conflitividade social. O caldo de cultivo perfecto para que abrollen inquedanzas intelectuais de toda caste.

Aurora contemplaba como as mulleres estaban encadeadas a un papel meramente reprodutor e convértese nunha admiradora da intelectualidade masculina, antagónica da muller “paridora”. Entende que a muller precisa dunha redentora que a libere dese rol, e iso é o que proxecta na súa filla dunha maneira extrema: quere concibir unha muller revolucionaria que, ademais, libere o sexo feminino. 

“Hai que pensar no poder da Igrexa católica e en como condicionaba a vida da poboación, mais moi especialmente, das mulleres", reflexiona Nine. "A Igrexa fai unha lectura sucia e pecaminosa dunha necesidade humana como é o sexo, ameazando mesmo cun castigo eterno. A única saída para liberar esa necesidade é a reprodución, co cal as mulleres acaban quedando subordinadas, primeiro, a esa función reprodutora e, despois, ao coidado dos fillos. Saírse desa lóxica e asumir a sexualidade como algo necesario e desligado da lectura relixiosa forma parte do pensamento político emancipador de Aurora e de Hildegarth. E, desde logo, é unha loita que tería repercusión na décadas que virían logo. As obras de Hildegarth e o pensamento de Aurora conflúen perfectamente co desenvolvemento do feminismo ben desde a óptica social, ben desde a educación sexual”.  

Pode sorprender, desde logo, que títulos como A rebeldía sexual da mocidade ou A revolución sexual pertenzan a unha autora de principios da década de 1930: témolos máis asociados con Wilhelm Reich e outros autores dos 60.

Un retrato fascinante

A virxe roxa -ben podería chamarse Pigmalión, ou mesmo Frankenstein- é un retrato fascinante destas dúas personalidades e, sobre todo, dunha época convulsa, quizais como todas. E avanza por vieiros pouco transitados no documental -en moitas ocasións renuncia, por exemplo, ás imaxes de arquivo para botar man de filmes contemporáneos dos feitos aos que se refire- para presentar un mosaico de ideas que debuxa a paisaxe daquel tempo e que sitúa a historia de Hildegarth e Aurora un paso máis alá da anécdota.

“O que me interesa desta historia é precisamente o que podemos trasladar ao século XXI. Que Aurora mate a súa filla non é só un caso de parricidio, é unha declaración de principios, unha forma de concibir a vida humana e as relacións entre pais e fillos", declara.

Novos cinemas: fiestra á ousadía

"Estou moi contento de estrear en Novos Cinemas", afirma Nine. "É un festival moi necesario: o seu programa está formado por primeiras e segundas obras de cineastas, e as primeiras obras dos e das cineastas sempre son as máis ousadas, aquelas nas que máis arriscan. Por iso creo que podemos definilo como unha fiestra á ousadía".

Para Nine, apostar polos cineastas do maña é a principal virtude do festival de Pontevedra. "Facer unha programación con autores xa consagrados é relativamente fácil. O difícil é programar autores dos que non se coñece a evolución que terán. Hai unha dupla valentía: a das obras que participan e a dos programadores que apostan por elas. Creo que é un motivo máis para recibir esta estrea como unha festa".

Máis en CULTURA
Comentarios