MÁIS

A Illa Pancha e os seus faros

Un paraíso na desembocadura do río Eo.
A illa Pancha e os seus faros. (Foto: Helen Hotson)
photo_camera A illa Pancha e os seus faros. (Foto: Helen Hotson)

A Illa Pancha atópase na desembocadura do río Eo, en Ribadeo (A Mariña). Non ten moito máis dunha hectárea de superficie, mais posúe os dous faros do concello. O máis antigo, de planta cadrada, data de 1860 e foi substituído polo segundo, de finais do século XX, que se ergue sobre unha torre circular de formigón decorada con faixas brancas e negras. 

O illote está situado ao final da Estrada do Faro, a menos de tres quilómetros do centro da vila. Até a ponte que conecta a illa co resto da terra pódese acceder a pé ou en coche. Nos meses de verán hai un tren turístico. A ponte é o único punto visitábel da illa de forma libre, pois desde 1984 esta é considerada unha propiedade privada, ao situarse no antigo faro uns aloxamentos turísticos que chegan até os 400 euros por noite.

En 2021, veciñanza de Ribadeo denunciou non ter coñecemento de que prácticas se estaban a desenvolver no illote. Pediron axuda a Ecoloxistas en Acción despois de non recibir respostas aclaratorias por parte das administracións. A asociación pediu á Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao que se indagase sobre como se chegou a aprobar o permiso de explotación do faro do illote, que conta con século e medio de historia. Ecoloxistas en Acción apóiase na lexislación portuaria, que prohibe o “uso residencial de instalacións e construcións acordes cos usos portuarios e de sinalización marítima”.

Polo momento, a illa sigue fechada a todo visitante que non pase uns días aloxado no antigo faro. Así e todo, illa Pancha ten recoñecidas por extensión, xa que pertence á ría de Ribadeo, varias figuras de protección ambiental: Zona Especial de Protección de Aves, Humidal Protexido, Zona de Especial Conservación e pertenza á Rede Natura 2000.

Desde 2007, o río Eo, Oscos e Terras do Burón forman en conxunto unha Reserva da Biosfera. A Illa Pancha tamén forma parte desta, que ten un total 158.883 hectáreas, espalladas entre a Galiza e Asturias. Destaca pola súa fauna, entre a que se atopan a lamprea ou o mexillón de río.

Praia O Cadramón

É unha pequena cala e con difícil acceso. E é iso o que a distingue do resto de espazos da contorna. Unha praia de area branca e fina, case paradisíaca. Menos de cen metros de longo e dez de ancho que a fan un espazo recollido e tranquilo onde agocharte da civilización. Trátase dunha zona protexida e de Especial Conservación (ZEC).

A praia das Catedrais

A  praia de Augasantas, coñecida como praia das Catedrais, é unha das máis fermosas da Galiza. Leva este alcume polos cantís que a percorren de trinta e dous metros de alto. Foron creados totalmente pola erosión da auga, dando lugar a grandes arcobotantes e bóvedas naturais. Ten unha lonxitude de 1,5 quilómetros.

Entre o 1 de xullo e o 30 de setembro só se permiten 4.812 visitantes diarios para así conservala. Acontece o mesmo na Semana Santa. Iso si, a súa visita é gratuíta. A reserva pódese facer a través da páxina web da Xunta da Galiza. É posíbel acceder á praia por medio de autobuses, coche ou inclusive a pé. 

A Ponte dos Santos, unha unión entre pobos

Foi edificada en 1987 e enlaza as dúas ribeiras do Eo, a da Galiza e a de Asturias. Ten unha lonxitude de 612 metros e a súa edificación supuxo un impulso  para a actividade comercial, económica e turística de Ribadeo e Castropol. Recibe este relixioso nome polas capelas que se atopan a cada beira da ría.

Máis en CULTURA
Comentarios