O Museo Etnográfico de Ribadavia exhibe o proxecto 'Visite Galicia'

A imaxe do país difundida por Ksado

O Museo Etnográfico de Ribadavia exhibe, até o 31 de marzo, dúas placas de estampas do proxecto 'Visite Galicia' que, na primeira metade da década de 1930 e até o golpe de Estado de 1936, pretendía difundir os valores do país e que poderían constituír o primeiro arquivo fotográfico que contén unha visión xeal da Galiza. 
Hotel da Toxa fotografado por Ksado.
photo_camera Hotel da Toxa fotografado por Ksado.

Quzais vista cos ollos de hoxe, afeitos ao falso glamour do Instagram, as viñetas de Visite Galicia poidan parecer inxenuas. Mais mirando con atención, veremos que este proxecto constituía, en realidade, un dos primeiros intentos sistemáticos de situar Galiza no radar dun fenómeno, o turismo de masas, que comezaba a manifestar os seus síntomas nas décadas de 1920 e 1930.  

O fotógrafo Luís Casado Fernández, máis coñecido pola súa sinatura artística, Ksado, iniciou, en 1929, co apoio do xornal El pueblo Gallego, unha viaxe arredor do país da que volvería con máis dun milleiro de imaxes que trataban de recoller e difundir os seus valores: o patrimonio artístico e natural, paisaxes, panorámicas, estampas costumistas... quedan recollidas nunha colección que ben podería conformar o primeiro arquivo fotográfico que contén unha visión xeral da Galiza. 

 

O Museo Etnográfico de Ribadavia expón, até o 31 de marzo, dúas placas de estampas que dan unha idea dun proxecto que -xunto coas outras dúas grandes series do artista, Estampas de Galicia e Estampas Compostelanas- buscaban dotar Galiza dunha identidade propia que tivese unha imaxe gráfica na que recoñecer a súa personalidade. 

 A impresión destas imaxes realizouse na Imprenta Arte de Bilbao, en pregos de sesenta fotografías de pequeno formato, que, ao ser adheridas aos envíos postais, contribuían a propagar a imaxe da Galiza alén das súas fronteiras. Comezaron a circular na década de 1930 e tiveron desde o principio unha grande aceptación do público. Porén, o golpe de Estado de 1936 paralizou o desenvolvemento desta iniciativa e dificultou o arquivo e a conservación de coleccións completas da serie.  

Sensibilidade galeguista 

Ksado naceu en Ávila, mais xa de pequeno trasladouse coa súa familia a Ourense. Desde moi novo practicou a fotografía como aprendiz no estudio de Xosé Pacheco. En 1915 estabeleceuse pola súa conta en Santiago de Compostela, e axiña destacou polo seu dominio da técnica e a súa capacidade de traballo. 

De tendencias galeguistas, Ksado ingresou como socio no Seminario de Estudos Galegos, baixo o nome específico de Loís Ksado, no exercicio 1925-1926, xunto con, entre outros, o escultor Francisco Asorei e o pintor Camilo Díaz Baliño. 

Comentarios