Pioneiros da fotografía esquecidos

Os seus nomes apenas son coñecidos e da súa obra apenas sobrevivíu unha pequena mostra, mais Filippo Prosperi e Cándida Otero foron nomes ilustres da fotografía na Galiza no último terzo do século XIX. Vítor Vaqueiro recupera a súa historia no seu libro Facedores de imaxes (Galaxia). 
Filippo Prosperi. Embarque de tropas para Cuba, 1886. (Arquivo Vítor Vaqueiro)
photo_camera Filippo Prosperi. Embarque de tropas para Cuba, 1886. (Arquivo Vítor Vaqueiro)

A saída das tropas españolas cara á guerra de Cuba en 1886; a casa de baños La Iniciadora, no baluarte da Laxe; o desaparecido Teatro Rosalía de Castro. Son imaxes dun Vigo desaparecido que conservamos grazas as instantáneas de Filippo Prosperi e Cándida Otero, dous fotógrafos cuxo rastro case desapareceu da memoria colectiva da cidade. 

Vítor Vaqueiro fai as contas: "O estudio da parella formada por Filippo Prosperi e  Cándida Otero estivo activo desde 1870 até 1915. Se só fixesen unha foto ao día -un número baixísimo para unha empresa co seu prestixio-, terían que ter feito máis de 22.000fotografías. E porén, apenas conservamos unhas duascentas". Vaqueiro vén de publicar, Facedores de imaxes. Fotografía e sociedade en Vigo. 1870-1915 (Galaxia) no que debulla a historia e o legado desta parella cuxo traballo está na orixe do estudio que logo sería o do moito máis celebre Pacheco. 

Vaqueiro comezou a ter noticia da parella a finais da década de 1980 e, xa nos anos 90, traballando na súa tese A obra fotográfica dos Pacheco no período 1909-1936, o coñecemento do estudio Prosperi - Otero comezou a reclamar a súa atención até completar este traballo que trata "de restituír, sequera minimamente, o prestixio e o coñecemento de quen foi considerado polos seus contemporáneos unha das máis grandes figuras da fotografía na Galiza", explica a Nós Diario.

Unha carreira de éxito

Filippo Prosperi foi o director dunha das compañías teatrais italianas que, durante o turbulento proceso político que hoxe coñecemos como "unificación italiana", se viron empurradas a xirar por Europa. A súa presenza no Estado español está documentada desde 1860 e sabemos que en 1862 estaba representando na Coruña. Non está claro se naquela altura xa se dedicaba á fotografía -hai algunhas pistas que permiten supoñelo-, mais o que si sabemos seguro é que no ano 1969, Filippo, xa convertido en Felipe, casa con Cándida Otero en Pontevedra, onde o italiano xa rexía un estudio fotográfico, e que no ano 1870 ambos teñen estabelecido un estudio de fotografía na rúa Sombreireiros de Vigo. 

O que segue é unha traxectoria exitosa na que a parella logra un recoñecemento que lle dá unha importante relevancia nos ambientes culturais e sociais. 

"As súas fotos eran publicadas nas mellores revistas ilustradas da época, como La Ilustración Gallega y Asturiana ou Vida Gallega", acrecenta Vaqueiro, "foron premiados en exposicións e concursos, fotografaban a toda clase de personaxes ilustres, incluído Cánovas del Castillo cando era Presidente do Goberno... A súa é sen dúbida, unha traxectoria de éxito". 

Prosperi faleceu en 1899 e Otero decide seguir en solitario co negocio, agora baixo o nome de "Viúda de Prosperi". En 1907 asóciase co portugués Jaime Pacheco, que viña de traballar con Xosé Gil en Ourense e que, á morte de Cándida, en 1915, queda como único propietario do estudio. 

A desaparición

Chegados aquí xorde a pregunta: como é posíbel que desaparecese e por completo un arquivo de corenta e cinco anos de traballo?   

"Non o sabemos", contesta Vaqueiro. "Creo que están perdidas para sempre, mais talvez poida xurdir algunha sorpresa, esas cousas suceden, mais son bastante pesimista ao respecto. O que si sabemos e que o arquivo estaba no estudio da rúa do Príncipe desde 1884, nun local que nunca sufriu incendios,  nin inundacións nin ningún deses accidentes que botan a perder os arquivos destas características. Estaban alí e agora están en paradoiro descoñecido". 

O estudoso, fotógrafo e escritor, insiste en que si se debe aclarar que algunhas das fotos foron atribuídas a Pacheco, cando se fixeron antes de que el se afincase en Vigo, en agosto de 1907, como o famoso retrato de Curros Enríquez, ou a dun carro de bois pasando pola rúa do Príncipe. 

Duplamente ocultada

O estudo de Vaqueiro rehabilita unha parella de artistas que foi sistematicamente escurecida pola xigantesca obra de Pacheco. Mais esta rehabilitación ten aínda máis valor no caso de Cándida Otero, que moi probabelmente participou en pé de igualdade no traballo do estudio e que desde a morte de Prosperi até 1907 o conduciu en solitario. 

"A ocultación das mulleres é unha constante na historia da fotografía. A maioría dos estudios no século XIX eran empresas familiares mais, agás algunha excepción, os nomes das mulleres xamais aparecen como autoras. Nesta ocasión, polo menos, si que fomos quen de constatar que Otero tiña preferencia polo retrato, malia que os xornais insistían en atribuílos a Filippo. É bastante probábel que o de Curros, por exemplo, fose da súa autoría", remata.

Unha "inxustiza" histórica

Vítor Vaqueiro salienta que, malia que perviven poucas fotografías da parella, as que quedan "permiten recoñecer un rigor e unha mestría moi notábeis. É unha inxustiza que os seus nomes estean case esquecidos, mais o interese por conservar o patrimonio fotográfico na Galiza é practicamente nulo".

Comentarios