Mostra de Teatro de Cangas

VACAburra: "Interésanos explorar como vivir os espazos e convertelos nunha experiencia danzada e sonora"

Gena Baamonde dirixe xunto con Andrea Quintana 'Ruar', a nova proposta da compañía VACAburra para a rúa e espazos non convencionais. Nela, Andrea e Davide González redescobren o espazo público e déixanse sorprender polo que acontece neste.

Andrea Quintana, Gena Baamonde e Davide González nun dos ensaios no Festival Escora. (Foto: Carlota Mosquera)
photo_camera Andrea Quintana, Gena Baamonde e Davide González nun dos ensaios no Festival Escora. (Foto: Carlota Mosquera)

—Como xurdiu Ruar?
Ruar xorde dunha teima continuada que temos en VACAburra por explorar o espazo desde puntos de vista diversos, tanto como espazo escénico como espazo para deambular, pasear, habitar e divertirse. Neste caso, contando con dous corpos en escena, Andrea Quintana, que tamén é a coreógrafa, e Davide González, músico e bailarín, Ruar propón un itinerario extraviado que se deixa sorprender polo que acontece, dicimos que se trata dun paseo escénico en forma de viaxe sonora danzada, un encontro entre dous corpos que atopan un terreo de xogo común: o espazo público como marco e escenario. Ruar como un acto de investigación, saír do espazo privado, o paseo como un feito relevante, un soño que se pode converter nunha experiencia transformadora.

Con Ruar tivemos a sorte de estar en residencia en Camelle dentro do marco do Festival Escora, onde fixemos unha preestrea como mostra do proceso e de poder facer a estrea dentro da programación da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas.

—É unha peza pensada para espazos fóra dos habituais no mundo do teatro. Por que había esta necesidade?
Na base da nosa compañía está o xogo e mestura de diversas disciplinas artísticas, formatos, linguaxes e por suposto, tamén nos gusta imaxinar as creacións para diferentes espazos segundo o requira o propio traballo, como neste caso en que non só se trata dun traballo adaptábel e pensado para rúa e espazos non convencionais senón que a reflexión sobre os corpos no espazo é a base da peza.

Consideramos que os corpos están sempre posicionados social e xeograficamente e teñen capacidade para dotar de forma o espazo, para performalo, accionando prácticas repetidas e reiteradas polas que se constrúen as relacións entre os espazos e as persoas, encarnando as normas hexemónicas, mais abrindo e permitindo tamén a posibilidade de subverter esas normas. Os corpos non son pasivos, producen espazos e poden xogar coas marcas diferenciais que levan inscritas, incorporándoas ou resistíndose. Interésanos explorar desde a diversión como podemos vivir os espazos de xeitos diversos, recuperalos e convertelos nunha experiencia danzada e sonora, aberta ás persoas que camiñan, que corren, que están sentadas ou que pasean pola rúa ou polos camiños.

—Sendo unha peza que utiliza o espazo público, como pensaban que ía reaccionar a audiencia?
Entendemos esta peza como un paseo, algo que se atopa nun fluír constante de dous corpos cos que crear paisaxes no propio contexto urbano e rural. Práctica deambulatoria coa que experimentar a deriva, a errancia dos corpos, a tentativa de volver aprender a camiñar con todos os sentido abertos, mapear o próximo con novos ollos que traspasen o cotiá. Entender o corpo como un mapa exposto aos imprevistos, aos sucesos e aos cambios.

Cremos que o público está aberto á sorpresa e aos estímulos que o rodean e recolle con interese propostas en espazos non convencionais de exhibición que a priori parecen vetados para bailar. Pensamos coreograficamente o espazo público fóra da frontalidade escénica, ampliando as perspectivas da ollada como paseantes, xogando cos planos, cos volúmenes, coa arquitectura que nos ofrecen as rúas, co inesperado do camiñar, coa xente coa que compartimos o ruar.

Comentarios