Jorge Gallardo lanza en Noia o seu proxecto audiovisual

A produtora Cantarelo Films presentará este sábado en Noia o proxecto audiovisual poético Sonetos de Soto-Poesía Viva.
A poeta viguesa Nuria Vil no plató (Foto: Nós Diario).
photo_camera A poeta viguesa Nuria Vil no plató (Foto: Nós Diario).

A produtora Cantarelo Films, baixo a creación e dirección de Jorge Gallardo, presentará este sábado en Noia o lanzamento do proxecto audiovisual poético Sonetos de Soto-Poesía Viva. A iniciativa pretende ser un espazo innovador onde artistas “con inquietudes subversivas”, segundo Gallardo, conten cunha plataforma alternativa "para dar voz á poesía subterránea, expresando versos desde o respecto, o cambio e o amor”.

A estrea terá lugar ás 20.30 horas no coliseo Noela coa colaboración de importantes artistas. Confirmaron a súa presenza Nuria Vil, Elsa Moreno, Fran Figueiral, Samu Merino, ademais de poetas, actrices e actores como Xosé Esperante, Manuel López Rodríguez, Fran Figueiral e Yamini.

A presentación estará a cargo da actriz Antía Costas e no  apartado musical participará o grupo Ebora, que abrirá a gala. No evento, ademais, tamén se poderán ver, de maneira exclusiva, os dous primeiros capítulos que realizou en colaboración con Bungaló Studio e Maysound Produción

Iniciativa en Noia

Para esta iniciativa, o actor Jorge Gallardo montou un plató propio polo que foron pasando artistas e poetas para gravar varias capítulos de Sonetos de Soto-Poesía Viva. "Por agora daremos a coñecer o contido a través de varias plataformas dixitais", asegura en declaracións a Nós Diario, "mais a idea é que se poida ver a través da TVG", engade.

Gallardo deixou unha prometedora carreira en Madrid, onde tiña, xunto a Hugo Rodríguez e Patricia Torres, a compañía 8mm. Con ela chegou a manter en carteleira durante tres anos a obra Una historia de amor a lo Tarantino. Deixouna coincidindo coa pandemia da Covid-19 para comezar varios proxectos en Noia.  

Comentarios