Nunha carta dirixida ao presidente da Xunta e ao concelleiro de Cultura, a asociación Amigos dos Museos de Galiza denuncian a falta de interese por parte da administración e reclaman que se inicien “xestións para un acordo coa familia, tratamento museolóxico adecuado da devandita colección en Galiza, de onde procede, previa visita de técnicos para o traslado, tratamento, catalogación e instalación en dependencias adecuadas ate a consecución definitiva do proceso de musealización desta colección, que levaría e homenaxearía o nome de Benigno Eiriz”.
Quen asina a carta é o presidente de Amigos dos Museos de Galiza, o historiador e investigacións Felipe Senén que vén tamén de publicar un artigo no dixital Terra e Tempo no que dá conta da singular relevancia dos obxectos do noso patrimonio tradicional recollidos por Benigno Eiriz. A colección de máis de 8.000 pezas recollidas por Benigno Eiriz na súa casa de Carbosende, Taboada, e na que se atopa unha colección única de tipoloxías de carros, rodas arados, xugos, maquinaria histórica e demais obxectos relacionados cos oficios e a cultura tradicional fora acollida polo concello de Alija del Infantado que abrira nunha casa alugada un museo etnográfico.
Prazo para a retirada do legado
Unha década despois, o proxecto de Alija paralizouse e o concello pon prazos para retirar a que está considerada a maior colección etnográfica galega e a familia mostra a súa disposición porque as máis de 8.000 pezas recollidas por Eiriz podan volver a Galiza mais, polo de agora, non atoparon resposta institucional. A cantidade, a situación, o espazo preciso e o prezo do traslado requerirían un inportante apoio da administración xa que, alén dun estudo previo e realizar o cambio a un espazo acaído e seguro é preciso aplicarlle un tratamento museolóxico adecuado para a súa conservación, inventariado e exposición.
Amigos dos Museos de Galiza denuncian a “falta de diálogo e interese por parte das administracións” arredor do importante legado de memoria da nosa tradición, que non existe nos museos de titularidade pública, e reclaman atención para a maior colección temática que fica neste momento desafiuzada no concello de Alija del Infantado.