“Esta edición foi a da consolidación pero tamén a da apertura de novos espazos e propostas e, por tanto, do achegamento de novos públicos”, explica a directora do “encontro de narración oral máis grande da Península Ibérica”, Soledad Felloza.
O Atlántica é literalmente un festival para todos os públicos, de bebés a persoas maiores, “con espectáculos de formatos novidosos e en lugares diferentes”. Interiores e exteriores, contadas nos parques rodeados de cans ou en plena rúa “para agasallar con historias no ouvido aos transeúntes”. Teatros, blbliotecas, bares, centros cívicos, librarías, tabernas, rúas, escolas, parques e cemiterios serviron de escenario.
“A ambiciosa programación desta edición foi posíbel grazas á colaboración das institucións e o apoio público”, sinala Felloza, quen agradece ademais “a implicación dos locais que colaboraron no encontro e a xenerosidade e entrega dos artistas”. A Cornamusa de Honra do Atlántica 2019 recaeu no grupo de pandeireteiras Leilía -que fai 30 anos-, protagonista da gala inaugural.