Contracultura

Manuel Vázquez: "Con 'Maldita eternidade' quería pór o foco nos colectivos marxinados e na soidade que sofren os pacientes"

Manuel Vázquez (Valonga, Pol, Lugo, 1968), celador de urxencias, vén de ser recoñecido co premio Eduardo Pondal de Poesía, convocado pola Editorial Medulia, pola súa obra 'Maldita eternidade'.

O escritor Manuel Vázquez vén de ser galardoado por 'Maldita eternidade'. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O escritor Manuel Vázquez vén de ser galardoado por 'Maldita eternidade'. (Foto: Nós Diario)

—Por que Maldita eternidade?
Este poemario xorde da miña forma de entender a literatura e é que sempre hai un compromiso coa realidade, co contexto. Nestes tempos que vivimos hai moitos colectivos que están en situacións que eu cualificaría de marxinación ou en problemáticas sociais que non son atendidas, que parece que non existen. Falo de persoas sen teito, de inmigrantes en situación irregular que traballan mentres outras persoas se benefician da súa situación. Despois, tamén hai unha problemática que afecta as persoas que podemos considerar "integradas", mais que acaban sufrindo un golpe da vida, de diversa natureza, e que non son quen de enfrontar. Son persoas que precisarían unha atención psiquiátrica que non reciben ou que tarda moito en chegar.

E de todo isto trata Maldita eternidade. A miña intención era, na medida que eu podo, que ao final é medio gran de area nun enorme deserto, pór o foco nestes colectivos e nestas situacións. Aquí inflúe tamén o meu traballo como celador de urxencias no Hospital Lucus Augusti. A miña percepción é que a atención a pacientes psiquiátricos é das máis deficientes. Diría que é bastante mala e que son persoas que están esquecidas e incluso desatendidas. 

—Como combina esta dobre faceta de celador e poeta?
O primeiro que publiquei, hai xa un ano, foi unha novela, O pracer da chuvia (Medulia). Esta é unha defensa e reivindicación da cultura labrega que fala da aldea de antes e dos prexuízos que había sobre estes territorios e sobre a propia lingua. Hoxe en día coido que se manteñen, o que acontece é que se manifestan doutro xeito, quizais máis politicamente correcto.

Despois, no meu traballo do día a día, teño relación con moitísimas persoas que precisan falar, que precisan dunha persoa que as escoite. E creo que é moi interesante ter estas conversas porque ves que moitos pacientes poñen o foco en problemas nos que outras persoas non adoitamos pensar. Por exemplo, os pacientes de maior idade tamén cargan coa soidade, tanto os que viven nas aldeas como os das cidades.

—Tamén é algo habitual en todas esas persoas que viven nas marxes da sociedade.
Efectivamente. Por iso quería pór o foco aí. Eu ás persoa xa non lles pregunto se coñecen alguén que se suicidara. A pregunta sería cantas coñecen. No meu caso, por exemplo, é un número demasiado elevado. E non podemos seguir silenciando a cuestión. 

—No que respecta á forma, Maldita eternidade tampouco ten a estrutura habitual dun poemario.
Se ben hai poemas independentes entre si e cada un dos máis de 30 poemas poden ter sentido por si sós, entre todos tamén son diferentes pezas que van contando unha historia, coa axuda dun fío condutor que aparece fragmentado cada catro ou cinco poemas e que nos vai narrando unha historia, que por suposto ten un desenlace final. Ademais, a pesar de que moitas veces tiven a tentación, non quixen facer ningún tipo de concesión. O poema pode acabar sendo excesivamente prosaico, mais porque a temática me obriga a iso.

Non caín en concesións estéticas nin formais. Hai un poema titulado "Esperanza", mais a esperanza destas persoas é extremadamente limitada. Cal é a esperanza dunha inmigrante en situación irregular, explotada laboralmente, que ten que enviar cartos ao seu país de orixe porque alí é onde están as súas crianzas?

Comentarios