Contracultura

Maricarme: "O videoclip 'Ai Jesús!', ao ser tan surrealista, axúdanos a explicar que é Maricarme"

Antía Ameixeiras (Soesto), Migui Carballido (O Carballiño) e Cibrán Seixo (Cuntis) integran Maricarme, unha formación musical que pretende unir a tradición oral e os instrumentos acústicos coas composicións propias e os sons electrónicos.
Maricarme está composta por Cibrán Seixo, Antía Ameixeiras e Migui Carballido. (Foto: David Silva)
photo_camera MariCarme (Foto: David Silva)

—Por que se uniron en Maricarme?
Antía Ameixeiras
: Cada ano, o Modus Vivendi (Santiago) fai unhas residencias artísticas con músicos locais e a Cibrán propuxéronlle participar con quen el quixera. Como somos amigos e nos coñecemos desde hai moitos anos polas foliadas da cidade pareceunos boa idea.

Migui Carballido: Comezamos un pouco coa idea de tocar algúns dos temas das foliadas, mais ao final traballamos bastante máis en serio. Compuxemos moitas cancións, botamos tantas horas e vimos que conectabamos tan ben, tanto musical como persoalmente, que decidimos quedar co proxecto.

—Presentan o proxecto con Ai Jesús!, un tema que xa ten o seu propio videoclip. Por que este en concreto?
A.A.
: Foi o que nos saíu de maneira máis espontánea. De feito, foi o último que montamos, mais saíu tan natural que as tres estabamos moi orgullosas da peza e decidimos comezar a gravar por ela. Tamén estamos moi contentas con como quedou o videoclip porque cremos que explica moi ben a idea e a idiosincrasia de Maricarme.

M.C.: Tamén resultou moi ben en directo, houbo moi boa conexión co público, polo que tamén tiña sentido que fose a primeira en saír publicada. E o videoclip, ao ser tan surrealista, axúdanos a explicar o proxecto: estamos aproveitando para facer o que nos dá a gana e para saírnos do que facemos habitualmente. 

A.A.: Xa estamos gravando outros temas, mais gústanos tomarnos as cousas coa calma que precisan para que saian ben. Ás veces cando estás facendo un disco hai moito estrés e carga mental engadidos, polo que decidimos que queríamos ir ao noso ritmo e poder darlle a cada canción o mimo que precisa. Sen pensar no global que implica facer un disco. Dentro do que estamos traballando hai un pouco de todo: temas instrumentais, letras tradicionais, outras ás que lles estamos metendo bastante man...

M.C.: De feito, aproximadamente a metade do repertorio que levamos para os directos é instrumental e estamos moi contentos con isto. 

A.A.: Tamén estamos moi contentos cos directos en si. Cando os fixemos no Modus, encheuse todos os días que tocamos. Con respecto aos que fixemos aparte o certo é que tivemos moi boa sorte porque en todos fixo moi bo día, propiciaba que a xente se animara a vir. 

—Son tres persoas que están en moitos proxectos musicais. Como van compaxinar engadindo un novo?
A.A.
: É outro dos motivos polos que imos paso a paso e canción a canción. Somos persoas ás que nos encanta estar en distintos proxectos para poder alimentarnos de distintas enerxías e das maneiras de crear. Eu aprendo moito nos proxectos nos que estou e creo que todas esas experiencias van alimentando que Maricarme sexa tan ecléctico. As tres estamos moi abertas a facer cousas novas e a probar distintas sonoridades. 

M.C.: Polo de agora creo que o estamos compaxinando bastante ben porque cada proxecto ten os seus tempos e os seus espazos. Maricarme é bastante un reto. Sen ir máis lonxe, nun directo cada unha de nós está tocando varios instrumentos á vez. E en realidade iso tamén é un pouco grazas a Cibrán: obríganos a ser persoas orquestra e a dar o mellor de nós. Require moito de nós, mais tamén é moi positivo porque enriquece todo o que facemos. 

A.A.: Eu por exemplo son unha persoa que precisa controlalo todo e Cibrán obrígame a saír de aí e a explorar. 

Máis en CULTURA
Comentarios