Marín homenaxea Urbano R. Moledo, xornalista e escritor asasinado en 1936

Moledo foi un xornalista, activista e autor teatral moi activo até o seu asasinato, cando só tiña 34 anos. Instalado en Vigo, durante a Segunda República militou na UXT e exerceu como animador social e cultural do concello de Lavadores.
Urbano Rodríguez Moledo
photo_camera Urbano Rodríguez Moledo

A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica de Marín organiza a semana vindeira un ciclo de actos, na Biblioteca Pública Municipal de Marín, en lembranza do escritor e autor teatral marinense Urbano Rodríguez Moledo un dos fusilados no mes de xullo de 1936 vítima da represión orixinada polo golpe de Estado franquista. 

Urbano Rodríguez Moledo (Marín, 1902-Vigo 1936) foi un activista, xornalista e escritor cunha gran vocación teatral. Instalado en Vigo, durante a Segunda República militou na UXT e exerceu como animador social e cultural do concello de Lavadores. Presidiu o Ateneo Deportivo Obreiro, no que dirixiu o cadro de declamación Máximo Gorki, que puxo en escena algunhas das súas obras dramáticas. 

Moledo, moi influenciado polas Irmandades da Fala, esforzouse en consolidar o teatro galego.

Moledo foi dirixente da UXT e, moi influenciado polas Irmandades da Fala, esforzouse en consolidar o teatro galego. Foi autor de, entre outras, Orfo do mar, un monólogo dramático posto en escena pola Juventud Socialista baixo a dirección de Antonio Blanco Porto; da zarzuela O pirmeiro amor, con música de Ángel Teijeiro, estreada no Teatro García Barbón de Vigo; ou A volta da perdida, unha traxedia rural que foi empregada como proba inculpatoria na súa causa de guerra. Escribiu ademais, a novela curta Maruxa e o volume de poemas Dolmen

Inmediatamente despois do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi detido, xunto a outras vinte e cinco persoas, tras o asalto realizado o 22 de xullo de 1936, por parte de membros da resistencia popular, ao chalé de Estanislao Núñez Barrios, no que o empresario foi asasinado. Xulgado en consello de guerra, foi culpado por ser "Presidente de la Sociedad Comunista Ateneo Cultural de Lavadores, en cuyo local se repartían armas a los revolucionarios". Foi asasinado o 10 de decembro nas inmediacións do castelo do Castro. 

Foi asasinado o 10 de decembro nas inmediacións do castelo do Castro. 

O ciclo comezará o día 13 cunha conferencia do investigador Xoan C. Abad Gallego, que falará sobre “Sementar o terror. O contexto da represión franquista na bisbarra de Vigo”. O 14 será o escritor Xosé Enrique Acuña quen pronunciará unha conferencia co título “Matar por matar? O asasinato de Urbano Rodríguez Moledo”.

O día 15 a escritora Rexina R.Vega –autora de Cardume (Premio Xerais 2007), inspirada na biografía  de Moledo- falará sobre “Urbano R. Moledo ou o eco dunha voz limpa ante a barbarie”. O 16, Javier Jurado Luque disertará sobre o tema “Zarzuela Galega versus zarzuela de costumbres gallegas”. A homenaxe rematará na sexta feira 17 cun acto poético musical no que se lerán textos do propio Rodríguez Moledo. 

Comentarios