LOIS BLANCO ARAÚXO, DRAMATURGO E DIRECTOR

“O meu soño é poder alternar entre o teatro, o cine e a literatura”

Lois Blanco (Compostela, 1988) estrea este luns ‘Lady Shakespeare’, a súa primeira obra de teatro no mesmísimo Festival de Edimburgo, unha das máis importantes citas de artes escénicas do mundo. Escrita e dirixida por el, está protagonizada pola actriz Paula Blanco. 

loisblanco
photo_camera Lois Blanco, xunto con Alejandro Carro

- Non está nada mal estrear a túa primeira obra de teatro no Festival de Edimburgo. Como conseguistes chegar aí?
- Pois soñando moito, porque en principio o proxecto foi unha investigación sobre personaxes de Shakespeare, que por sorte a actriz Paula Blanco controla moito inglés e eu díxenlle que o podiamos facer en versión orixinal, porque sería máis chulo, e decidimos facer a tolemia de mandalo a teatros do Festival porque no tiñamos nada que perder.

- Era unha convocatoria aberta?
- Alí os teatros funcionan como empresas que funcionan de intermediarios e eles seleccionan que espectáculos queren e cales non e danche a ti a opción de formar parte. Funcionan un pouco como intermediarios do Festival. Fan de filtro dos proxectos, se lles interesa máis ou menos. Cando un dos teatros nos aceptou, esa idea de traballo convertiuse de súpeto nun proxecto serio. Conste que até que vexa o espectáculo montado o luns, non o vou crer. Teño a impresión de que en calquera momento me van dicir que é unha broma. Pero o luns cando o fagamos direi: “si, fixémolo, vivímolo, pasou”. 

Até que vexa o espectáculo montado o luns, non o vou crer. Teño a impresión de que en calquera momento me van dicir que é unha broma.

- É un bo método para abrirse a novos valores e osixenar o sistema, non?
- Si, nós imos a un teatro pequeno, por suposto. Alí hai todo tipo de propostas teatrais, imos alí a pelexarnos coa xente, no bo sentido, entraremos en contacto co público e a ver como responde. Haberá moitas máis ofertas, pero nós imos coa nosa. Eu penso que está ben sobre todo para adestrarse e facerse forte. Nun contexto tan complicado ou arriscas ou morres. Entrar nesa idea de ter que soportar si ou si eu penso que saca o mellor de un, saquei cousas que eu non pensei que podía escribir, porque a idea de aventurarse con Shakespeare foi un reto pero tamén un campo de liberdade fantástico.

- Porque este proxecto forma parte da celebración do 400 aniversario do autor inglés, non?
- O curioso é que non o sabía, entereime a posteriori. Díxenlle a Paula: imos traballar a Shakespeare porque é o máximo referente teatral, digamos como probarse a un mesmo con un material moi esencial no noso traballo. Decidímolo e cadrou marabillosamente así. 

Teño claro que o meu rol é escribir e dirixir e non saír moito de aí, creo que é o mellor se me dá, xunto con dirixir actores, e a iso me vou dedicar

- Explícanos en que consiste a obra. 
- En concreto son catro personaxes femininos de Shakespeare, ao que se lle suma o propio autor e a raíña Isabel de Inglaterra. Por que? Porque o espectáculo sostén que Shakespeare era unha máscara de Isabel I de Inglaterra e quen escribiu os textos foi ela. É un espectáculo feminista ou, como mínimo, moi feminino. É unha das teorías. Hai moitos mitos arredor de Shakespeare. Entón o que facemos nós é aproveitar unha destas correntes. Hai eses seis personaxes e unha máis, unha actriz que fai unha viaxe espazo-temporal polos mundos de Shakespeare, en concreto catro obras deses catro personaxes, e iso vaise intercalando co proceso de Isabel, e ela acaba rebelando na propia obra que ela é Shakespeare, que el era simplemente unha máscara, por iso nós xogamos con esa máscara, ademais coa idea de facelo ao revés, ao igual que no teatro isabelino, os homes vestíanse de mulleres, e aquí facémolo ao revés: é Isabel a que se viste de home para facer literatura. 

- Haberá xira e estrea en Galiza?
- Espero que si, non sei cando, porque teño claro que o espectáculo para facelo en Galiza teño que adaptalo, porque é moi británico, de materiais e de idioma, e para traelo aquí tería que sentarme a adaptalo para o público de aquí, non só traducilo, preguntarme que sentido ten en Galiza, porque o xogo dramático que temos é para o público británico, con referentes que eles alá entenden, pero aquí non. 

O espectáculo sostén que Shakespeare era unha máscara de Isabel I de Inglaterra e quen escribiu os textos foi ela. É un espectáculo feminista.

- Para facelo tiñades que ten un control importante sobre Shakespeare, a realidade británica e tamén a lingua, claro. 
- Si, fixemos unha investigación de varios meses previo aos ensaios. Estudamos que personaxes nos interesaban máis. Por exemplo polo enfoque feminista rexeitamos a Xulieta, non por mal, senón porque a nivel ideolóxico non nos interesaba, nós fomos por outro camiño. Agora está por ver se aos escoceses lles gusta ou non. Teño moita intriga por ver ocmo responden a esta proposta feita para eles e a ver se acertamos ou non. Depende deles que dean ou non a súa beizón a esta pequena gran loucura. 

- Antes de xira galega agardas xira británica, entón?
- Si, iso sería o mellor para o espectáculo, que aparecese algún promotor que quixese distribuílo. Van vir promotores velo, e mos alí, en parte, a vender o espectáculo. A ver se o conseguimos, pero imos paso a paso, porque nós non poderiamos asumir a produción, aínda máis nun contexto que non controlamos. Como mínimo imos ter unha aprendizaxe das boas e das importantes, e iso xa é moitísimo. A partir de aí todo é sumar. Eu teño os meus plans en Galiza e non é indispensable que iso pase, pero ímolo traballar, por suposto, pero con cariño e con tranquilidade, sen presións das malas.

Cando estas dúas obras estean encarriladas, sentareime a escribir unha novela de ciencia ficción, que teño en mente desde hai ano e medio

- Vexo que tes as cousas moi claras, pero daslle a moitos paos: director, dramaturgo, cineasta, escritor… hai algunha disciplina que che interese máis?
- O meu soño, e agardo poder cumprilo, e para iso estou a traballar, é poder alternar entre o teatro, o cine e a literatura. Sei que é unha loucura, pero levo desde neno navegando entre as tres e creo que no fondo non me queda outra. Pensei en especializarme nunha das tres, pero cando penso iso é como elixir cal dos teus tres fillos é o preferido. Sei que é un camiño máis longo, e seguramente máis lento e máis difícil, pero para min é moito máis enriquecedor, así que quero ir alternando. Agora estou centrado no teatro, teño unha obra tamén en Galiza para o ano que vén, que se chama ‘Os límites do frío’, co meu grande amigo e colega Alex Carro, en setembro meterémonos a ensaiar a tope con iso. E cando estas dúas obras estean encarriladas, sentareime a escribir unha novela de ciencia ficción, que teño en mente desde hai ano e medio. Neste caso teño o cine parado, para aprender diso, e cando volva ter aprendido e renovado ese territorio. Ese é o meu plan: facer rotación de cultivos [risas]. Estar traballando unha terra, outra tela plantada e outra descansando. Iso si, sempre detrás das cámaras, teño claro que o meu rol é escribir e dirixir e non saír moito de aí, creo que é o mellor se me dá, xunto con dirixir actores, e a iso me vou dedicar. Non teño intención de saír de aí, de actuar ou outro tipo de cousas, porque xa o intentei e non se me dá ben, entón voume centrar no que se me dá ben, e a ver como me van as cousas, que de momento, e iso que acabo de empezar, van moi ben.

Comentarios