Contracultura

Mónica Vila: "O premio Xosé Manuel Eirís dime que fixen o correcto coa fotografía de Pura e Herminia"

Mónica Vila (Vilanova de Arousa, 1975) é a autora de 'Pura e Herminia', a fotografía gañadora do XXVI Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís, que convoca anualmente o Concello de Carballo (Bergantiños).
A fotógrafa Mónica Vila estudou na Escola Mestre Mateo e na Escola de Imaxe e Son da Coruña. (Foto: Iñaki Abella)
photo_camera A fotógrafa Mónica Vila estudou na Escola Mestre Mateo e na Escola de Imaxe e Son da Coruña. (Foto: Iñaki Abella)

—Cal é o contexto da fotografía Pura e Herminia?
Esta é unha foto de encargo de hai dez anos. Traballaba nun medio de comunicación distinto ao que estou agora e a idea era incluíla nun suplemento que tiña. O obxectivo era buscar xente maior e facer unha imaxe que a relacionara coa tecnoloxía, neste caso cos móbiles. Pura e Herminia eran dúas avoas centenarias -no momento da fotografía, unha tiña 99 anos e a outra 102 anos- e vivían máis ou menos independentes nunha casiña.

Nun primeiro momento tentamos que elas mesmas se fixeran un selfie, cousa que foi bastante imposíbel. Así, acabamos facendo un as tres e con elas tentamos simular o momento no que elas se farían o seu selfie. O que ocorreu foi que esta fotografía nunca se chegou a utilizar porque por parte do xornal se considerou que ilustraba o tema, mais que non era o perfil de señora maior que buscaban, polo que quedou nun caixón. Hai un par de anos comecei a enviar fotografías a concursos e neste caso pensei que no Xosé Manuel Eirís podería ter cabida. 

—Entendendo isto, recolle unha reflexión sobre os tempos e a caducidade dentro do xornalismo.
Totalmente. Ademais, no traballo diario, o feito de que se decida non utilizar unha imaxe que cres que transmite ben o que se pedía acaba por crear unha inseguridade como profesionais. Este premio é unha forma de dicir, co paso do tempo, que estaba facendo o correcto e que é unha boa maneira de ilustrar o concepto. Aínda así son consciente de que enviar fotografías a concursos é unha lotaría: depende da calidade destas e de que se entendan, mais tamén de que haxa un xurado que empatice con ela e, en gran medida, da sorte.

Hai profesionais de moita calidade. E se vemos a exposición que se fixo con parte das fotografías recibidas ves que hai cousas moi interesantes que tamén poderían ter gañado.

—Ademais, tamén recibiu algún premio relacionado coa fotografía deportiva e exerce como fotoxornalista en medios de comunicación. Onde está máis cómoda?
Cando fas fotografía deportiva é doado que as escenas parezan espectaculares, porque teñen moita acción. Claro, nun xornal acabas por facer de todo, pero diría que, no traballo diario, é un dos ámbitos nos que os resultados son máis vistosos e que resultan máis satisfactorios nun principio. Co paso dos anos, eu desfruto moito máis facendo retratos. Tamén é verdade que o que se publica diariamente nos xornais non é necesariamente o mellor de nós: somos uns obreiros que teñen que sacar adiante o traballo do día a día da maneira máis digna posíbel.

Por desgraza, ás veces entras nunha dinámica de traballo que aínda que esteas nunha situación que se prestaría a algo máis non podes dedicarlle o tempo que precisa. O máis habitual é que a nosa satisfacción veña doutros traballos do xornal. Ao longo da miña carreira traballei en diversos xornais -diarios, nos que só facía a parte das reportaxes, suplementos, etc.-, e percibo que nos medios locais a carga de traballo é altísima.

Ademais, a forma na que se presentaban as imaxes non daba pé case nunca a unha vea artística. Noutros medios nos que me dedicaba especialmente ás reportaxes non ten nada que ver, hai máis tempo para pensar e medir as imaxes.

—E agora mesmo en que tipo de foto se centra máis?
Hoxe en día, a maioría de fotografías coas que participei en concursos son retratos. Iso, por suposto, non quere dicir que non me siga gustando o ámbito deportivo.

Comentarios