Poeta, foi tamén candidato ao Nobel

Morre Leonard Cohen, voz única da canción de autor

Faleceu Leonard Cohen, aos 82 anos, un dos xigantes da música popular na súa versión máis culta. Novelista, poeta, cantor de voz profunda. Cantoulle á vida, ao amor e filosofou sobre todo, primeiro tomemos Manhattan, despois tomemos Berlín.

cohen
photo_camera cohen

O falecimento de Leonard Cohen -autor de cancións de beleza inmorredoira como Suzanne, Chelsea Hotel ou Bird on The Wire ("Kriss Kristofersson díxome que un verso desta canción estará na súa lápida e como non sexa así, vaime doer de verdade")- foi confirmado pola súa familia nas redes sociais.

Cohen acababa de editar o seu último traballo, You Want it Darker, e estaba en activo aínda nos palcos. Unha das súas grandes bazas como artista era a súa capacidade para comunicar co público desde o cenario. A súa posta en escena magnética facía do seu espectáculo algo único, como puidemos comprobar no seu concerto en Ourense de setembro de 2010.

Cohen comezou a súa carreira artística no campo da novela e fíxoo con brillantez, a despuntar como un émulo canadiano de Joyce. Mais a canción cruzouse no seu camiño e xa non abandonou até o fin. Polo medio, infinidade de versos de grande alento lírico e profundidade. Soou, á par de Dylan, admirábanse profundamente, como candidato ao Nobel. Non o merecía menos que o vate de Minnesota.

Comentarios