Naciches en 2006? Desde hoxe podes solicitar o Bono Cultural Mozo

Os mozos e mozas dispoñen dun ano para utilizar os 400 euros en produtos ou servizos culturais nos estabelecementos adheridos, que xa superan os 3.300 en todo o Estado.
Sala de cinema. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Sala de cinema. (Foto: Nós Diario)

Os mozos e mozas nadas no ano 2006 poden solicitar o Bono Cultural Mozo a partir desta mesma segunda feira, 17 de xuño. Trátase dunha axuda de 400 euros que as persoas beneficiarias poderán destinar á adquisición e goce de produtos, servizos e actividades culturais. Para solicitalo, os mozos e mozas que fixesen ou vaian facer 18 anos en 2024 deben rexistrarse e realizar o procedemento de solicitude na web www.bonoculturajoven.gob.es até o próximo 16 de setembro.

Será imprescindíbel que, previamente, as interesadas obteñan unha destas tres formas de identificación dixital: Cl@ve con rexistro básico —que se pode solicitar e obter por videochamada—, Cl@ve con rexistro avanzado —de forma presencial e para aqueles que non fixesen aínda os 18 anos— ou ben o Certificado dixital.

As mozas interesadas en solicitar o Bono Cultural Mozo poden realizar o trámite persoalmente ou a través da representación dunha persoa adulta, para o que é preciso anexar o formulario de representación descargábel na páxina web, correctamente asinado pola beneficiaria. Nestes casos, o libro de familia non é un documento acreditativo da representación.

A esta axuda teñen dereito os mozos e mozas que fagan 18 anos en 2024 que sexan de nacionalidade española, posúan residencia legal no Estado español, sexan solicitantes de asilo, desprazadas temporais ou estranxeiras ex tuteladas. Segundo datos do Instituto Nacional de Estatística, trátase de máis de 525.000 potenciais beneficiarias en todo o Estado.

A partir da concesión da axuda, os mozos e mozas dispoñen dun ano para utilizar os 400 euros en produtos ou servizos culturais nos estabelecementos adheridos, que xa superan os 3.300 en todo o Estado. O Bono Cultural Mozo funciona cunha tarxeta de prepago que a beneficiaria pode ter de forma virtual no seu móbil ou recibir de forma física no seu domicilio.

Con esa tarxeta pode gozar de experiencias e produtos culturais, que se dividen en tres tramos para favorecer a diversificación do gasto, coa seguinte distribución: 100 euros para produtos físicos —por exemplo, libros, prensa ou discos—, 100 euros para produtos dixitais —como subscricións a plataformas, prensa dixital, podcast ou videoxogos en liña— e 200 euros para artes escénicas —teatro, ópera, cinema, danza e museos—.

Comentarios