O Día Internacional dos Museos, este 18 de maio, segue a engadir actividades na Galiza. Sumándose ao lema "O poder dos museos", escollido esta edicion polo Consello Internacional dos Museos (ICOM), o Museo do Pobo Galego (MPG) anunciou dous días de actividades.
Para esta terza feira ten previsto realizar unha xornada de portas abertas (entre as 11 e as 18 horas) co acceso de balde para todo o público, unha das propostas que tamén escolleron outras institucións da Galiza.
Ese mesmo día, ás 16.30 horas, terá lugar unha visita comentada á mostra 'Coreografías do facer. Imaxes do traballo feminino en Gustav Henninseng'. Co traballo e as mulleres no foco, a exposición producida no ámbito da 17º edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) presenta unha selección de fotografías tomadas polo antropólogo Gustav Henninseng mentres percorría a Galiza xunto a Marisa Rey, a súa compañeira, na procura de material para a realización da súa tese sobre crenzas e rituais.
O MPG xa organizou en 2019 a exposición do mesmo autor "Galicia Máxica: Romarías e Santuarios. Gustav Henningsen, fotografías etnográficas (1965-1968)" comisariada por David Conde Lourido.
Ese mesmo día, ás 19 horas, realizarase un obradoiro de pandeireta e outras percusións titulado "O poder das ferreñas'",a cargo de Carme da Pontragha. Esta actividade está dirixida a persoas de 12 a 16 anos con calquera nivel de coñecemento no instrumento.
A festa dos museos continuará ao día seguinte, 19 de maio, cunha visita polo itinerario sonoro "Son[em]peza" ás 19.30 horas. A idea desta actividade é mergullarse na colección e nos arquivos do museo empregando o son como elemento condutor. "Así, mentres camiñamos entre as pezas das salas coñecendo máis datos sobre elas", afirman desde a institución.
Actividades na Coruña
O Concello da Coruña trasladou o Día Internacional dos Museos ao 21 de maio con diversas actividades gratuítas. No Museo Arqueolóxico e Histórico, situado no Castelo de San Antón, realizaranse dúas visitas guiadas en horario de mañá (12 horas) e tarde (18 horas), orientadas ao público adulto e cunha duración aproximada de 90 minutos. Ademais, o Museo Arqueolóxico tamén contará con varias propostas divulgativas como dous talleres de arqueoloxía para rapazas e rapaces de 6 a 12 anos. As Casas Museo da cidade tamén acollerán actividades especiais, entre elas a organización de visitas guiadas.