Nomearse Galiza, nomearse España

A diferenza dos apelidos, que non son elixíbeis, o nome si é:  alguén escolle o noso nome e con el estaremos identificados toda a vida, e máis alá dela.  Hai persoas que se chamen Galiza?

Galizadossantos
photo_camera Galiza como nome nun D.I.

As motivacións á hora de elixir nome para unha persoa son moi variadas. As razóns de por que un se chama Florencio e outra se chama Margarida escapan habitualmente a un alleo ao ámbito familiar ou amical máis próximo. Mais ao longo da historia dous factores teñen permanecido invariábeis: a tradición familiar e a proxección pública de certas persoas.

A diferenza dos apelidos, que non son elixíbeis, o nome si é, alguén escolle o noso nome e con el estaremos identificados toda a vida.

Nun artigo anterior titulado Apelidarse Galiza, apelidarse España viamos un pouco por enriba a distribución destes apelidos no estado. Mais polo mundo adiante a presenza de Galiza como apelido é moi numerosa, tanto na Europa continental como na América. E nas illas Filipinas.

A diferenza dos apelidos, que non son elixíbeis, o nome si é: alguén escolle o noso nome e con el estaremos identificados toda a vida

No Brasil son numerosos os apelidos Galiza. A modo de exemplo, Manoel Galiza Vieira De Carvalho, nado a comezos do século XIX no Brasil, bautisma en 1856 unha filla, de nome Salvina na igrexa de Nossa Senhora da Conceição de Campina Grande, Paraíba. No mesmo lugar achamos a partida de casamento de Felippe São-Tiago De Galiza e de Elena Felisbella Cavalcante De Oliveira un 13 de Novembro 1886 sendo el fillo de Manoel Felippe São-Tiago De Galiza e de Francisca Leopoldina De Galiza. O 23 de xaneiro de 1889, na igrexa de Nossa Senhora de Nazaré, Cachoeiras do Campo-Minas Gerais, Rodrigo Peixoto De Magalhães e Bazilia De São-Thiago De Galiza bautisman un neno de nome José Galiza Magalhães.

Galiza polo mundo adiante

Mais non só no Brasil. Arxentina, Venezuela, México, Perú ... ofrecen nos seus libros de bautismo numerosos exemplos de apelido Galiza. Tamén nos rexistros de inmigración de Estados Unidos abunda o apelido Galiza. En Hawaii hai unha importante presenza. En Lafayette, Indiana, vive unha familia de apelido Galiza Galicia e non é infrecuente a combinación Galiza Galiza, como no caso dunha persoa que se chama Corazón Galiza Galiza

Procedente de Manila, a bordo do Korea Maru, chega a Honolulu un pasaxeiro de nome Cirisco Galiza, en 23 de marzo de 1923, aínda que vivía en EEUU desde 1896. Procedentes das illas Filipinas hai un grupo de persoas que, por volta de 1908, se “naturalizan” americanos. Un deles, Pelagio Galiza Daguio aparece como fillo dunha muller, sen máis datos, chamada Galiza.

Galiza foi logo non só apelido, mais tamén nome de pía. E hoxe viven entre nós, na Galiza, persoas que levan o nome do País.

Cabe pois preguntarse: hai persoas que se chamen Galiza? E persoas que se chamen  España? Para averiguar isto acudimos de novo ao INE e comprobamos que no Estado a resposta é afirmativa para o caso de España (un total de 25 persoas levarían ese nome) mais é negativo para o caso Galiza. De novo ninguén en España se chama Galiza, segundo o INE, ou se se chaman así son menos de cinco. Hai persoas que se chaman Soria (26), Granada (56), mesmo Macedonia (37), Italia (31), Arxentina (2818) e por suposto aquelas que soportan todo un continente: África (11697), América (1685), Asia (682).

Galiza como nome de pía

Galiza foi logo non só apelido, mais tamén nome de pía. E hoxe viven entre nós, na Galiza, persoas que levan o nome do País. 

Mais vamos por partes.

É este o único caso en que Galiza aparece como nome de varón

O día 2 de xullo de 1665, en St. Peter Mancroft, Norwich, Norfolk, England, foi bautismada unha nena, filla de Edmond Ladlow e de Elizabeth Ladlow á que lle puxeron o nome de Galiza. Anos antes, por aquelas terras, estivera de embaixador Diego Sarmiento de Acuña, o que escribía, “non hai xardíns nin florestas en Inglaterra como os carballos e castiñeiros de Gondomar”. Quen sabe se a súa influencia levou o nome da Galiza ás pías de bautismo de Inglaterra!!! Moitos anos despois, nacido en 1852 en Helston, Cornwall, England encontramos a Galiza Williams, fillo de Grace Williams. É este o único caso en que Galiza aparece como nome de varón. Se saltamos para América, en 1867 encontramos no Quebec a Galiza Giguére, de 4 anos de idade e nacionalidade francesa, filla de Xavier Giguéré e Marcéline Giguéré e tamén, vivindo en Three Rivers, Massachusetts en novembro de 1900, está Galiza Apolonia William, nacida en Rusia.

Mais ninguén entre nós, hoxe, leva o nome desta parte do mundo chamada Galiza?. Alguén hai. Encontrei o seu nome no BOP de Pontevedra do mércores 21 de abril de 2011.

É unha persoa chamada MARIA GALIZA.

Curiosamente, cando revisei o santoral para ver que día teríamos de felicitar aquelas persoas que se chaman Galiza non achei resultados. A ver se vai ser que o INE e o santoral son a mesma cousa.

Comentarios