Noticia de Prestige, unha exposición de Isaac Cordal en Bruxelas

O artista galego, Isaac Cordal (Pontevedra, 1974), vén de inaugurar o pasado 8 de Novembro unha exposición individual na Galería Harlan Levy Projects, en Bruxelas, baixo o título Prestige, que vén ser ao mesmo tempo unha chamada de atención sobre a catástrofe do Prestige, acontecida hai dez anos e da que agora se está celebrando –finalmente- o xuízo, e unha chamada de atención sobre a ausencia de autoridade moral daqueles –os políticos- que perderan progresivamente o seu prestixio.

« There is no authority without prestige even once it’s sunk » (non hai autoridade sen prestixio, unha vez que este se afunde), di literalmente a folla volante que xunto cunha tarxeta postal dun voluntario recollendo fuel se entregan á entrada da sala de exposicións. A exposición forma parte dun macro-proxecto do autor titulado “Cement Eclipses”. Trátase dunha colección de estatuíñas e obxectos realizados en cemento, unhas veces pintados e outras non, que recollen varias visións que Isaac Cordal ten sobre a situación actual do mundo. Impresionoume particularmente unha serie titulada “waiting for climate change” (esperando polo cambio climático, ver foto adxunta) onde unha serie de persoas, espera coa auga até os xeonllos e un flotador a chegada da subida do nivel do mar. Tamén hai dúas pezas metafóricas na exposición que ben merecerían un comentario: unha é un colchón en cemento, homenaxe aos que teñen que durmir na rúa e outra un maletín de cemento de 25 quilos de peso, que é máis ou menos o que Isaac calcula que se levarían certos políticos de comisións por cada obra acordada, cando a tolemia do “ladrillo”.

Isaac adoita facer estas instalacións –que logo fotografía- en lugares públicos, onde se representa a epopea do home actual e a súa relación co medio. Así ten presentado os seus traballos ao público (nunha especie de “arte de rúa”) nas cidades de Pontevedra, Vigo, Londres, Zagreb, Viena, Milán, Berlín e outras que non veñen á memoria. En todas elas acadou público recoñecemento e referencias explícitas nos medios de comunicación locais. Ese situar as pezas nos lugares públicos fai que as máis das veces están desaparezan unha vez instaladas, sendo, como o mesmo Isaac di os axentes de limpeza os seus mellores clientes. Mais el sinte mágoa por esas pezas desaparecidas e prega a todo aquel que se teña levado algunha do lugar onde foron situadas, que lle mande referencia gráfica de que as súas estatuíñas se encontran en bo estado.

Como tantos outros artistas galegos Isaac Cordal tivo que emigrar para se facer un lugar na escena internacional. Vaia isto como aviso para os Museos de Arte contemporánea de Galiza, que semellan non ter moito interese nos artistas galegos, e que só os chaman cando estes adquiren sona no estranxeiro. País pequeno.

Máis información en www.hl-projects.com e na web: Isaac.alg-a.org

Máis en CULTURA
Comentarios