Contracultura

Óscar Penín: "Converter a Vía da Prata nun territorio literario diferénciaa doutros camiños con máis peregrinos"

Óscar Penín (Os Brancos, A Limia, 1978) é o creador de 'Pratea', un mapa literario da Vía da Prata, dispoñíbel en pratea.gal para móbil, tablet ou ordenador en catro idiomas: galego, español, inglés e portugués.
O historiador e investigador Óscar Penín. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O historiador e investigador Óscar Penín. (Foto: Nós Diario)

—Como comezou a recoller a información que presenta agora en Pratea?
O meu traballo está moi relacionado co patrimonio, tanto pola miña formación como historiador como por distintos proxectos nos que me fun involucrando. Un destes, desenvolvido a través da Facultade de Historia do Campus de Ourense (UVigo), era rurAllure, un proxecto europeo do programa Horizonte 2020. Pretendía, a través da literatura, estimular os peregrinos a visitar máis espazos rurais. A idea era que o camiño non fose unha autoestrada, senón que servira como unha canle para derivar turistas a outras zonas.

Grazas a isto, e por vocación persoal, comecei a ter este spin-off que era Pratea. Parecíame que había moitas cousas interesantes e aí fun depositando todos os coñecementos e a investigación que eu ía facendo. A un tempo, levei varios proxectos grazas aos cales visitei moitas zonas rurais, de maneira que tamén puiden entrar en contacto con moita xente local e obter información que non era tan accesíbel a nivel académico.

—Por que a literatura?
O rural de Ourense non ten un problema de masificación turística e a Vía da Prata é dos camiños que menos peregrinos está tendo en comparación co Camiño Francés e outros que van pola costa. Ten capacidade para atraer máis persoas das que chegan actualmente, mais precisa ter unha especificidade que a diferencie doutros camiños. Creo que converter a vía nun territorio literario é a resposta a estas necesidades. Tamén quería que fose tecnoloxicamente moi potente, que puidese achegar algo máis aló de contidos que poderían estar nunha publicación en Facebook ou en Instagram. Así naceu esta plataforma que funciona case como unha aplicación. De feito, na súa versión móbil, conta con xeorreferenciación e xeolocalización de maneira que podes saber cal é a ruta máis cura desde onde estás até o punto ao que queres ir.

O obxectivo é que unha persoa que está facendo o Camiño poida desviarse sen medo a perderse. Por suposto, esta motivación para saír da ruta e explorar está aberta tamén a xente da zona que non coñeza algunha historia ou persoas da Galiza que queiran achegarse a estes recursos de interese.

—Que cre que pode chamar máis a atención do proxecto?
Non é tanto que eu descubrira nada, porque ao final son historiador, mais creo que a plataforma serve para sacar á luz cousas. Por exemplo, a importancia que teñen os autores do Século de Ouro das letras da península na Vía da Prata. Tirso de Molina escribiu unha obra ambientada na Limia. Hoxe en día tamén parece bastante comprobado que Cervantes estudou nun colexio de xesuítas que había en Monterrei. Luís de Camões tamén tiña raíces na Costa da Morte posto que o seu avó era de alí. E incluso no contexto inglés, o escritor Graham Greene tamén ten a súa historia en relación ao Mosteiro de Cea. A idea era descubrir esas cousas que conectan a Vía da Prata coa literatura internacional e facela atractiva para as persoas que falan calquera das catro linguas nas que se pode ver este contido.

Para min tamén era moi importante incluír bastantes puntos resaltando escritoras que viron o seu traballo opacado. O mapa de Compostela, sen ir máis lonxe, está deseñado para salientar a figura de Gilberta de Flandes, sinalada en moitos estudos como a posíbel autora do Códice Calixtino.

Máis en CULTURA
Comentarios