En liberdade con cargos o produtor de cinema acusado dunha agresión sexual nos Premios Feroz

A actriz Jedet sería unha das vítimas da presunta agresión de Javier Pérez Santana, produtor dun dos filmes candidatos na gala.
O produtor de cinema Javier Pérez Santana, na gala dos premios Feroz. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera O produtor de cinema Javier Pérez Santana, na gala dos premios Feroz. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

A festa posterior á cerimonia de entrega dos Premios Feroz, na madrugada do sábado ao domingo, acabará nos tribunais. Á mañá seguinte ao acontecemento, un home e unha muller denunciaron ser vítimas de agresión sexual, uns feitos polos que na tarde deste domingo foi detido o produtor dun dos filmes candidatos na gala, Mi vacío y yo (O meu baleiro e eu), Javier Pérez Santana.

"O equipo de seguridade do evento interveu nada máis saber do feito, illando os agresores e asistindo as vítimas", apuntaron desde a Asociación de Informadores Cinematográficos de España (AICE), a través dun comunicado no que amosaron tamén a súa "repulsa" e "condena rotunda". Solicitouse "de forma inmediata" a presenza policial", aseguraron.

Unha vez a investigación aberta esclareza o ocorrido, os presuntos autores deste "feito lamentábel", advertiron desde a AICE, serán vetados dos Premios Feroz e de todas as actividades organizadas por este organismo.

Unha das denunciantes da agresión sexual, segundo publicou o xornal Heraldo de Aragón, é a actriz Carmen Jedet Izquierdo, coñecida pola súa interpretación de Cristina Ortiz en Veneno. Os feitos trasladados ás autoridades policiais ocorrerían entre as 4 e as 6 horas deste domingo, no Espazo Ebro de Zaragoza, onde se celebraba a festa. A Unidade de Familia e Muller (UFAM) da Policía Nacional está a investigar o sucedido.

Así mesmo, fontes policiais indicaron que hai un segundo home ao que se investiga por outra presunta agresión sexual, vencellado ao mundo do cinema e membro tamén do equipo dun dos filmes candidatos aos Premios Feroz.

Pérez Santana foi posto en liberdade a última hora da tarde deste domingo e abandonou os Xulgados xunto ao seu avogado, informaron fontes da Xefatura Superior de Policía de Aragón. Quedou en liberdade con cargos dado que o procedemento continúa en instancias xudiciais.

Máis en CULTURA
Comentarios