'O que non se escribe' trae a María Mazzota ao Principal de Santiago

O concerto compleméntase cun roteiro sonoro que conta con catro gravacións achegadas por Mazzotta, tomadas na provincia salentina de Lecce, coas que se poderá descubrir parte do patrimonio tradicional que inspirou o traballo da artista italiana.

Maria Mazzotta. (Foto: Giulio Rugge)
photo_camera Maria Mazzotta. (Foto: Giulio Rugge)

María Mazzotta, recoñecida pola súa habilidade para fusionar a música tradicional do sur de Italia con outros xéneros e tradicións musicais do Mediterráneo, subirase ao palco do Teatro Principal de Compostela esta cuarta feira, 19 de xuño, ás 20 horas, para presentar o seu álbum debut Amoreamaro

Orixinaria de Salento, no sur de Italia, Mazzotta fíxose un oco na escena musical europea coa exploración, revisión e recuperación das cancións tradicionais da rexión da Puglia. Na súa voz ecoan os sons diversos que poboan ese enclave bañado polos mares Xónico e Adriático, e na súa música conflúen melodías e ritmos mediterráneos que desde Italia conducen a Grecia, Albania ou Croacia.

Na ampla bagaxe musical de Maria Mazzotta destaca a pertenza ao Grupo Canzionere Grecanico Salentino co que gravou 6 álbums e participou nos festivais internacionais máis relevantes. Ao longo da súa traxectoria, colaborou con artistas de sona como Bobby McFerrin, Ludovico Einaudi, Raül Refree, Goran Bregovic, Miguel Ángel Berna, Ballake Sissoko, Rocío Molina ou Carlos Saura.

O imaxinario musical de Mazzotta estará tamén presente estes días nun paseo sonoro tecido polo proxecto O que non se escribe nas proximidades do Teatro Principal. Ao longo da rúa Nova, a cidadanía e visitantes de Compostela poderá descubrir 8 puntos provistos dun código QR para escanear e escoitar libremente cos auriculares un anaco dunha recolla de música tradicional. Entre elas, cóntanse catro gravacións achegadas por Mazzotta, tomadas na provincia salentina de Lecce, coas que se poderá descubrir parte do patrimonio tradicional que inspirou o traballo da artista italiana.

 

Sus e Mel

O vindeiro sábado 22, será a quenda da portuguesa Sus -que transita por espazos pouco ortodoxos para os códigos pop- e por Mel -un proxecto que mestura diferentes estilos de electrónica con elementos do jazz.

A artista portuguesa Sus colócase na electrónica de vangarda, habitando os suburbios do pop, do folclore e da experimentación. Entre (Raso Estudio) é un disco desenvolvido entre Copenhague e Lisboa, no que o pop dialoga con frecuencias que van desde a indietrónica até o fado, desde a canción alternativa de autor á performance sonora, sempre co son e a exploración da voz como vehículo principal. 

A mesma preposición que dá título ao álbum debut en solitario do álter ego da artista portuguesa Susana Nunes (coñecida tamén por ser a vocalista de Néboa, por ser unha das metades das extintas HAĒMA ou por colaborar con artistas da talla de Baiuca) é a que dá as claves sonoras do espazo onde se sitúa a súa proposta: nun lugar intermedio, de diálogo, de confrontación e abrazo. 

Mel é un proxecto no que Sandra ‘Chon’ Pérez, Raquel Pimpão “Femme Falafel” e Lucas de Centi (Néboa) tentan mesturar diferentes estilos de electrónica con certos elementos do jazz desde unha perspectiva na que os instrumentos de láminas e os sintetizadores analóxicos son elementos centrais, e serven de escusa para investigar novos camiños que transitar cos seus instrumentos principais, a marimba e o vibráfono.

O seu primeiro disco, A caixa e a chave (Raso, 2022), é unha revisión das cantigas levadas a un terreo contemporáneo e con gran protagonismo dos instrumentos e da percusión. Nel recóllense unha serie de pezas, case todas instrumentais, que orbitan arredor da idea de canción, libres de significado, á espera de que quen as escoitei as faga súas; un traballo experimental sen narrativa, baseado en melodías, ritmos e texturas, gravado por Hevi no Laboratorio Soyuz e no que só aparecen dous temas con letra aos que lle pon voz Antía Muíño. Con este disco, a banda foi nomeada aos Premios Martín Códax 2023 na categoría de electrónica.

Ao vivo, A Caixa e a chave conta coa participación de Antía Muíño no apartado vocal e con Miguel Arribas nos saxos e efectos sonoros. O nome da banda ven da súa admiración polo traballo das abellas e o universo estético está construído a partir de aí, tanto na portada do disco como nalgúns dos seus vídeos, realizados por Aldara Pagán.

 

Comentarios