Que significan os Maios que aparecen por toda a Galiza? Esta é a orixe desta tradición popular

A festa dos Maios volve un ano máis á Galiza para lembrar a chegada da primavera.
Un Maio colocado nun coche (Foto: Nós Diario).
photo_camera Un Maio colocado nun coche (Foto: Nós Diario).

A festa dos Maios volve un ano máis á Galiza para lembrar a chegada da primavera. Esta cuarta feira recóllense as pólas de loureiro, de xesta ou dalgunha outra planta para seguir o costume de bendicir -para protexelos- os campos, as casas, as cortes e mesmo os vehículos con elas. 

A orixe da festa non se pode datar con exactitude. Álvarez de la Braña, López Cuevillas e Risco, por exemplo, relacionaba os Maios coa festividade celta de Beltane, que sinalaba o inicio do verán pastoral, cando os rabaños se levaban cara aos pastos das montañas. García de la Riega, pola contra, defendía a orixe grecorromana, relacionándoa cos cultos a divindades relacionadas coa fertilidade. 

En todo caso, sabemos que se trataba dunha festa de benvida á primavera que a Igrexa tratou de eliminar. Porén, o seu arraigo popular permitiu que sobrevivise até o de agora.

A partir desta cuarta feira, a festa dos maios tomará moitas aldeas, vilas e cidades da Galiza, en ocasións ameazada pola meteoroloxía revolta e chuviñenta que se espera estes días. 

En Pontevedra, por exemplo, o Concello anunciou que se instalará unha carpa na praza da Ferrería para protexer as persoas participantes da choiva. 

En Vilagarcía de Arousa (O Salnés), a Festa dos Maios, que estaba prevista no Parque Miguel Hernández, trasladarase até a Praza da Peixería. E en Marín (O Morrazo), a festa estará acompañada dunha exposición no Museo Torres das coplas dos barcos e carros da festa dos maios da vila, cedidas pola presidenta da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín, Enriqueta Otero Farto. 

Os Maios florecerán tamén no ferrolán barrio de Canido cunha semana de actividades que aúnan cultura, actividade social e veciñal. Mentres, Ourense celebrará a festa o domingo 5, cun programa de actividades que se estenderá durante toda a xornada no centro da cidade.

Comentarios