Afonso Eiré publica a novela 'O militante', a reivindicación dunha xeración que fixo da militancia a trabe da súa conduta

Afonso Eiré (Chantada, 1955) acrecenta a súa obra narrativa con 'O militante' (Hércules), onde amalgama ficción e información real, un híbrido que reivindica e lle serve para explicar acontecementos relevantes da Galiza contemporánea.
O escritor e xornalista Afonso Eiré. (Foto: Xan Carballa)
photo_camera O escritor e xornalista Afonso Eiré. (Foto: Xan Carballa)

"Radiografar a sociedade que coñezo e contalo para que se entenda, esa podía ser unha definición de boa parte das miñas obras narrativas. Con personaxes e situacións de ficción literaria a través dos que me permito contar moitas cousas que explican o desenvolvemento e as crises da sociedade. Como vai entenderse a economía de Vigo [Oliva na ficción de O militante] ou de Galiza, sen saber que pasou coas caixas de aforro ou coa crise dos estaleiros? Todo iso cóntano os meus personaxes, pero afíncase no rigor dos datos do oficio de xornalista", afirma Afonso Eiré, que exerceu a profesión de informador por máis de tres décadas no semanario A Nosa Terra, e que xa na súa obra inaugural Amigos sempre (1998) adiantárase con esta técnica a denunciar o horror dos abusos que se agachaban impunemente en institucións e colexios relixiosos.

O mecanismo desta obra, e doutras súas, explícao así, "procuro retratar a sociedade na que os personaxes, sendo ficción, manexan datos da realidade para así entender mellor o funcionamento das cousas. Hai quen pensa que son tamén produto da miña imaxinación, pero son datos xornalísticos, o que non quere dicir que non haxa continuas situacións de ficción, como en calquera outra obra literaria. Para quen o le pode resultar interesante, entretido mesmo, identificar os nomes que corresponden a cada quen, tampouco procurei uno enmascaramento profundo e mesmo recorro ao humor nalgúns nomes, pero iso non quere dicir que todas as personaxes se correspondan a alguén real. Por suposto non o é no caso da figura central, da voz narrativa, Martiño Domínguez, un sindicalista que abandonou tamén unha vida dedicada desde mozo á política de militante de base e comeza a presidir a comunidade de propietarios do seu edificio na beiramar de Oliva".

É precisamente a gran cidade do sur galego a que localiza toda a acción e faino na beira do mar, desde o que nos últimos cen anos se catalizou a realidade dos avances e das crises, "eu quixen contar o deterioro dun barrio e explicalo a través dos diferentes conflitos que se producen co trato intenso entre os seus veciños e como Martiño Domínguez é quen de abordalos coa sensibilidade e a conciencia das súas ideas e a súa biografía tamén de militante político e sindical. A miña idea inicial era buscar o contraste do día a día desa comunidade veciñal, cos ollos dunha persoa con conciencia social. Sucedeu que ao avanzar na narrativa Martiño Domínguez impúxoseme, tamén porque non tiña maneira de explicar o proceso social que retrataba sen contar o pano de fondo político no que se daba. Non se poderían entender os devires, frustracións e conflitos dese teatro de xentes que aparecen en O militante, sen esas informacións, non resultaría enteníbel nin verosímil, falsearía por completo os porqués do seu xeito de enfrontar a vida e as súas contradicións".

Entre os asuntos que aborda Eiré na novela está o peche das caixas de aforro, "iso colleu máis presenza da que pensaba inicialmente, porque influíu en Vigo e toda Galiza. Sería todo moi distinto porque se as caixas persistiran non tería, por exemplo, pechado Pescanova, a crise de Barreras e doutros estaleiros e industrias asociadas sería diferente nin moitas empresas viguesas terían pechado".

Tamén fala Eiré na novela das relacións políticas que se estabelecen en Oliva cando por primeira vez goberna un alcalde nacionalista en 1999, e como se producen choques coa visión sindical, que é a que coñecemos polo protagonista, e cos intereses urbanísticos que operan sotto voce na cidade, "cárganse un plan urbanístico porque determinados poderes económicos e políticos da Coruña non estaban ben situados para aquel proxecto de ordenación. E iso explícallo o presidente da Caixa a Martiño, que ía vivir en directo o deterioro do seu barrio de Beiramar mentres diferentes operadores especulativos se estaban facendo cos terreos das industrias que se retiraban desa localización. E todo iso que lle contan e el medita pasou realmente".

Vehículo singular para o xornalismo

O xeito no que Martiño Domínguez conta as súas conclusións, son tamén as do xornalista. Preguntado se ese xeito de dar información sería posíbel nun medio de comunicación convencional, ou se este método lle dá máis liberdade, Eiré fai a súa análise, "o que ten contido informativo nos meus libros sempre é produto da miña investigación e do meu propio traballo. Literatura e xornalismo aquí son vasos comunicantes, e ás veces nos medios é complicado poder dicir as cousas, porque se entremisturan moitos intereses ou non teñen capacidade económica para soster pulsos que son moi difíciles cando no medio hai intereses económicos fortísimos. A ameaza dos interminábeis procesos de denuncia xudicial que acaban rematando en absolución ou desestimación, requiren case sempre unha forza económica previa moi grande. E ese mecanismo obsceno contra a liberdade de información coñecémolo perfectamente e ten plena actualidade. É parte do día a día do xornalismo. Pero o escritor tamén ten os seus métodos, máis inexpugnábeis".

Como noutros traballos literarios seus, sexan referidos á crise do medio rural galego ou a catástrofe da emigración, Eiré amosa un coñecemento de primeira man da personalidade dun sindicalista, "parto sempre de datos directos. Non fun emigrante pero fixen moitas reportaxes de viúvas de vivos e tamén vivín a chegada das cartas que chegaban de familiares que estaban fóra. Era unha presenza continua que me foi impregnando desde cativo. E quixen tamén contar o sufrimento dos que quedan. No  caso deste libro sei de primeirísima man que a vida de militante é dura, pero tamén que as organizacións nas que están arróupanos porque detrás teñen unha 'familia' de compañeiros e compañeiras, e sobre todo unha traxectoria de moitos anos. Singularmente no nacionalismo, que é o caso do protagonista, que sente onda si un acompañamento que arrinca xa de antes do Partido Galeguista e do que se sente parte. Por iso trato as situacións e os dramas que se producen nas rupturas internas, que poden ter razóns de peso, pero tamén producen traumas e tensións que son para min un desafío literario reflectir. Non esquezamos que ese xeito militante de afrontar a vida é moi especial, ás veces non entendido ou denigrado por unha visión social de individualismo dominante, pero crea lazos e vínculos singulares, que trato de amosar na obra".

Insiste moito nesta idea Eiré, "non quixen facer unha novela sobre un modelo de militante lineal, sen fisuras nin dúbidas, porque ademais son os menos ou directamente: non existen. Ao contrario, o que me parece reivindicábel sempre son todas as persoas que nun momento ou outro, por máis ou menos tempo, decidiron que ese compromiso cos demais pasaba por organizarse, sexa nun sindicato, nunha organización social ou política ou nunha asociación de veciños ou doutro tipo. E entende que o mellor da vida faise nese contraste comunal".

Refírese en particular O militante a persoas contemporáneas do autor, "élle moi difícil á militancia que se formou no tempo final do franquismo e na primeira transición, que os seus desacordos, mesmo as súas graves pelexas internas, non poidan contemplalas pasados os anos cunha perspectiva restauradora. No caso de Martiño vive ese reencontro coa militancia por un camiño indirecto. Pasa de estar queimado a realimentar o lume que articulou a súa existencia, e faino polo férvelle-férvelle da acción reivindicativa no barrio, non por unha sisuda reflexión ideolóxica. É un proceso social pero tamén natural nunha xeración á que en certo sentido tamén homenaxeo neste libro. É a reivindicación da vida militante".

Eses mecanismos que articulan a vida ligada a realidades sociais dos personaxes que transitan na novela xa os experimentou Eiré en libros seus de grade éxito, en O coxo de Vilarelle (Espiral Maior) "fala do novo caciquismo, o tránsito de operar no franquismo ao novo xeito de actuar coa democracia ou en Os bicos de Tina (A Nosa Terra), cando os nenos no campo tiñan unha liberdade, tamén de xogar ou de amar, que unha determinada concepción das cidades lles coutaba, como lle ouvín contar, e inspiroume a idea, ao pedagogo italiano Francesco Tonucci".

Un gran coñecedor do mundo rural

No seu recente libro A literatura galega contada aos escépticos (Galaxia), Manuel Veiga dedícalle a Eiré unha das súas reflexións, "é un dos escritores que mellor coñecen o mundo rural, pero o importante é que el decidiu expresalo desde dentro. Non desde o paternalismo, as boas intencións ou o aprecio ideal da natureza, senón desde as propias normas e contradicións dese mundo. Un mundo onde os paisanos non viven illados nin saen ilesos da loita interna que toda sociedade autosuficiente libra no seu interior, onde hai coches de liña e estradas, feiras ateigadas de xente e comercio, políticos propios e políticos que veñen de fóra, conseguidores e promesas falsas".

E acrecenta Veiga, "esa autenticidade é a que, sen dúbida, explica que os seus libros teñan tan boa acollida entre os lectores; un tipo de público popular non afeito, en xeral, a mercar libros e que en boa parte descoñece o canon literario, pero que coñece ben o seu mundo ou o que era o seu mundo hai algúns anos. Un mundo que se pode emparentar co de autores irlandeses como Synge, de quen o propio Eiré axudou a realizar unha versión teatral ao galego. Quizais é hora de recoñecerlles o seu espazo ás obras de Eiré, por máis que ás veces nos pareza un descoñecedor da gramática e un desconsiderado coas convencións. Quizais esa transgresión, esa outra cara da realidade, que tantas veces procuramos nos ambientes marxinais e undergrounds doutros países, poidamos encontrala tamén en autores como el, o que certamente nos obriga a volver a ollada cara a nós mesmos".

Comentarios