O 40º aniversario da mostra de teatro de Ribadavia que non debes perder

A obra 'Iribarne' clausurará esta edición da MIT que reunirá algúns espectáculos que nunca participaron na mostra.
Presentaciñon da MIT de Ribadavia, esta quinta feira (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera Presentaciñon da MIT de Ribadavia, esta quinta feira (Foto: Xunta da Galiza).

A Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia está de aniversario. Esta edición cumpre corenta anos e quere celebralo con novos nomes da escena internacional que nunca estiveron na Galiza, estreas e reafirmado apoio a aquelas voces que emerxeron do seu panorama escénico. Por iso, na programación que presentaron onte figura a Nova Galega de Danza e o seu espectáculo Dique (19 de xullo, 23 horas) dirixido por Marta Pazos.

A danza e a fusión con outras linguaxes artísticas, a creación híbrida, sempre foi un sinal de identidade da MIT, nesta edición tamén grazas á presenza de artistas como Alberto Velasco (27 de xullo), Nuria Sotelo e Clara Ferrao (23 de xullo, 20 horas) ou a brasileira Alice Ripoll (20 de xullo, 23 horas). 

A aposta do Centro Dramático Galego para esta MIT será unha composición de Manuel Lourenzo sobre Filoctetes, unha das traxedias gregas de Sófocles, dirixida por Ignacio García. Trátase de Nada se sabe (26 de xullo, 23 horas), una obra que parte da idea da diferenza e a discriminación. 

Tamén hai unha clara aposta pola dramaturxia actual do resto do Estado español, con  títulos como En mitad de tanto fuego, de Alberto Conejero, con dirección de Xavier Albertí. Outra compañía referente que pasará por Ribadavia é El Pont Flotant, que chega por vez primeira á MIT co aclamado Eclipse total (23 de xullo, 23 horas). Tamén, estréase en Ribadavia Guillermo Calderón coa súa Villa (24 de xullo, 23 horas).

Ademais do Castelo, a MIT reforza nesta edición os espectáculos de rúa e terá dúas sesións golfas con dúas propostas arredor do Karaoke, nun lugar ideal, o Club Artístico. Deadpan Karaoke (20 de xullo, 01 horas) e a coprodución da MIT coa compañía Manekineko, Cancións amarelas, flores tristes (26 de xullo, 01 horas). Completan a programación varios espectáculos de público familiar, entre os que destaca Paüra (21 de xullo, 23 horas) da Compañía Lucas Escobedo.

Entre as actividades paralelas figuran foros, presentacións de libros, cursos en colaboración coa Asociación Galega de Clown, unha exposición e a estrea do último documental de Xan Leira. Para clausurar esta edición, poderase ver a coprodución co Centro Dramático Galego (CDG) e Butaca Zero, Iribarne (27 de xullo, 23 horas).

Máis en CULTURA
Comentarios