Ribeira inaugura unha mostra con obras orixinais de Castelao

A mostra está conformada por debuxos da colección privada de Roberto Taboada.
Inauguración da exposición, esta sexta feira, en Ribeira (O Barbanza). [Foto: Nós Diario]
photo_camera Inauguración da exposición, esta sexta feira, en Ribeira (O Barbanza). [Foto: Nós Diario]

O Museo do Gravado de Artes, do Gravado no Concello de Ribeira (comarca do Barbanza), acolleu esta sexta feira a inauguración dunha nova exposición. A mostra rende unha nova homenaxe a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, pondo o foco na parte da súa creatividade que empregou para plasmar as diferentes tipoloxías masculinas do seu tempo.

Trátase da mostra Os homes, de Castelao na colección Roberto Taboada, propietario dunha das coleccións privadas máis extensas sobre a obra de Castelao, e parte deste material exhíbese nesta mostra.

A exposición exhibe os traballos do rianxeiro publicados no xornal vigués Galicia durante o ano 1925 e logo utilizados na publicación Cincoenta homes por dez reás

68 pranchas orixinais

Por primeira vez poderanse ver as 68 pranchas de cinc orixinais utilizadas no prelo da publicación, as cales estarán acompañadas polas páxinas orixinais do Galicia. 

Tamén se exporá unha pequena mostra de distintas edicións do volume Cincoenta homes por dez reás, título dunha colección de láminas de Castelao publicadas na Coruña en 1925 (primeira edición), 1931 (segunda edición), ambas as dúas nos talleres de Nós. A terceira edición publicouna a Editorial Galaxia no ano 1969.

A colección consta de 50 debuxos realizados coa mesma técnica coas que Catelao elaborou Cousas da vida, cun pé descritivo e cunha segunda intención satírica do personaxe debuxado. A obra, que foi traducida a outros idiomas, conta cun prólogo do propio Castelao no que centra a atención no baratos que resultan moitos homes ("eu daríavos mil homes polo mesmo diñeiro") partindo da cantiga popular: "Alabado sexa Dios / que xa veu a barateza / Os homes van a real / ¡Catro por unha peseta!".

Colaboran na edición do catálogo da exposición que esta sexta feira se inaugurou no Museo do Gravado o Concello de Rianxo —municipio natal de Castelao—e o Concello de Ribeira.

Comentarios