Contracultura

Roberto López: "Gabamos a beleza da natureza, mais buscamos ter un piso grande, un bo coche e unha vida cómoda"

Roberto López (A Coruña, 1977) vén de publicar o seu primeiro poemario, 'O cantar das miñocas' (Medulia), unha obra que pretende chamar á reflexión sobre a relación dunha sociedade globalizada e urbana coa natureza e a vida no rural.
O poeta Roberto López. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O poeta Roberto López. (Foto: Nós Diario)

—Como decidiu lanzarse a escribir O cantar das miñocas?
Xurdiu polas circunstancias. Na miña aldea, Rubián (Bóveda, Terra de Lemos), estamos a organizar un Poetry Slam. Eu xa escribía, mais coa intención de que quedara para min. Ao aparecerme un evento así case na porta da casa, animeime a escribir máis e ao cabo dun tempo acabei por xuntar suficiente material que ademais me parecía que tiña un sentido en conxunto. Así, consultei con Medulia se lles gustaría publicar o que tiña escrito.

—Na obra utiliza a natureza como un fío condutor. Por que?
Son unha persoa que sempre estivo unida aos movementos ecoloxistas. Desde neno, dalgunha maneira, sentín unha forte atracción e fascinación polo mundo natural, pola vida. Era algo que xa levaba dentro e que sempre estivo comigo. Os meus avós estaban na aldea e eu acabei por empaparme de toda esta relación con esta contorna. Tamén está moi presente a gratitude que teño co mundo natural, porque creo que é algo que falta moito na nosa sociedade.

Acontece unha cousa moi curiosa que é, canta xente que se educou no rural ten dentro esa cantinela sobre o baixo status do campo? Canta xente foxe diso e busca o seu piso na cidade? Evidentemente hai unha realidade, que é a dificultade de manter un nivel económico sen un enorme sacrificio vivindo no campo. É duro e escravo. Con todo, alén diso, hai un lavado de cerebro que nos fai pensar que todo o que procede do campo vale menos. A min tamén mo contaron, mais non ten sentido. Por que o máis básico da vida, sacar alimento da terra, ten un menor nivel na sociedade?

—En xeral, hai un momento no que hai que reflexionar sobre cales son as crenzas propias e cales as impostas polo contexto.
Exacto. Iso é un pouco o que intento transmitir. Temos que reflexionar sobre que alicerces estamos baseando a nosa vida, se teñen consistencia ou non e se o progreso o é realmente. Que prezos implica o progreso. O libro está dividido en tres partes: a primeira aborda a natureza máis evidente; a segunda, máis escura, que fala das eivas do suposto progreso; e unha parte final que é máis etérea e que pon enriba da mesa o misterio da vida.

Ás veces tentamos buscarlle explicación a todo e acabamos por esquecernos de estar presentes no milagre do momento. Vivimos nas présas, na voráxine, e esquecemos a sinxeleza do vivir.

—Fala do prezo que se paga polo progreso. Temos claro que é o progreso?
Estamos aleccionadas desde crianzas. Lembro o que me dicían na escola e creo que hai unha confusión. Por unha banda gabamos a beleza da natureza, mais por outra banda tamén queremos vivir comodamente, con cartos, cun coche bo, un piso ben grande... Hai unha incongruencia e un choque de visións. Non é un tema doado de solucionar porque todas as persoas queremos vivir ben e cómodas, mais iso ten un custo ecolóxico. Eu avogo por ter un coche pequeno que conduzo o menos posíbel, por cultivar a túa propia comida para aprender o valor que ten o básico e entender o que implica.

Collendo as cousas no supermercado non es consciente dos custos e das macroexplotacións e os monocultivos que hai arredor do mundo. Claro, non falo en concreto de todo isto no poemario, mais é algo que está presente detrás de todas as reflexións as que intento que chegue cada persoa por si mesma.

Comentarios