Un roteiro da AELG lembrará o barrio do Papagaio de Luísa Villalta

Maribel Longueira e Francisco X. Fernández Naval explicarán o traballo 'O Papagaio sen chave e sen tempo'.
Maribel Longueira e Francisco X. Fernández Naval (Foto: Daniel Fernández).
photo_camera Maribel Longueira e Francisco X. Fernández Naval (Foto: Daniel Fernández).

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) realizará o 8 de xuño o Roteiro O Papagaio sen chave e sen tempo (Un paseo a carón de Luísa Villalta).

A iniciativa, con saída desde o Museo Casares Quiroga ás 12 horas, estará guiada por Maribel Longueira e Francisco X. Fernández Naval e quere dar a coñecer o popular barrio da Coruña.

Fernández Naval explica a Nós Diario que a proposta xorde por ser un lugar no "que a propia María Casares explicaba que se podían ver todos os prostíbulos da cidade". A ruta afondará na publicación Papagaio de Maribel Longueira e Luísa Villalta coa que realizaron unha crónica fotográfico-poética da súa transformación.

"Sempre foi un espazo de mulleres", comenta Fernández Naval, "alí estiveron tamén María Miramontes e Ánxel Casal mais tamén o convento das Capuchinas e o hospital que construíu Teresa Herrera", engade.

Durante o percorrido tamén intervirá Maribel Longueira para explicar, no propio lugar, como traballou para realizar o libro xunto con Luísa Villalta, a poeta homenaxeada este ano coa Letras Galegas.  

Comentarios