A asociación cultural Agromadas de Seixalbo, parroquia do sur do municipio de Ourense, recuperará esta quinta feira o seu tradicional parrafeo na Praza Maior. Nos últimos anos esta entidade procurou manter viva esta despedida de ano singular que se deixara de facer a finais da ditadura, como explica a encargada de realizalo este ano, Montse Nóvoa, a Nós Diario.
"Falei con varias persoas que aínda se lembraban e contaban como era", asegura. Unha delas fora seu propio pai, Manuel Nóvoa, falecido hai anos. A tradición consistía en explicar acontecementos en verso desde un balcón da praza de Seixalbo.
"Neles falábase de todas aquelas cousas que estaban mal e propúñanse desexos de cara o ano vindeiro para que mudasen", relata Nóvoa. A maiores, as persoas informantes lembraban que se facía un sorteo cos homes e mulleres que non tiñan parella para iniciar o baile que tiña lugar despois na praza. A organización, cada ano, mudaba entre aqueles que lles tocaba ir ao servizo militar obrigatorio.
Censura e recuperación
Para realizar os parrafeos en público de maneira crítica recorrían moito á retranca como un sistema de burlar a censura dese momento. "Coa ditadura non sempre se podía dicir aquelo que se quería dicir aínda que a crítica máis forte viña despois co Entroido" indica Nóvoa.
En 1992 realizouse o sorteo mais sen o parrafeo. Cando se iniciou a recuperación foi a través da propia asociación e, sobre todo, coa teima do seu presidente, Manuel Herminio Iglesias Vázquez.
"Sempre se facía nun local fechado da propia asociación e con pouca capacidade para acoller público", conta, "e este ano, non sei se como consecuencia da situación de pandemia, voltará onde se fixo orixinariamente e tamén desde un balcón", engade.
Non se conservan gravacións nin outros documentos que deiten luz sobre como eran estas composicións populares da parroquia ourensá. Segundo a memoria da xente maior, o parrafeo sempre era en lingua galega e facíase en verso. Aínda así non hai máis datos sobre a súa métrica nin de como tiña que ser a súa duración. Os que se realizaron nos últimos anos non eran en verso e o ano pasado decidiuse facer de maneira non presencial e con varias persoas lendo cada estrofa coa súa rima.