O Selic rende homenaxe á novela negra galega da man de Carlos Reigosa

Compostela inaugura esta quinta feira o Festival da Lectura de Compostela (Selic) e chega á súa oitava edición. Serán dez días de actividades co epicentro na praza da Quintana.
Xaquín Núñez, Míriam Louzao e Camilo Franco (Foto: Nós Diario).
photo_camera Xaquín Núñez, Míriam Louzao e Camilo Franco. (Foto: Nós Diario).

O Festival da Lectura de Compostela (Selic) chega este ano á súa oitava edición. Durante dez días, a praza da Quintana acollerá unha vintena de expositoras (entre librarías, editoras e institucións) e desenvolveranse máis de 60 actividades.

Será o ano máis internacional de toda a historia do festival, coa visita de figuras como o irlandés John Banville e a palestina Adanía Shibli. Con todo, tamén se trata do ano en que haberá unha maior amplitude na oferta da literatura galega, con nomes que van desde Leo de Matamá até Rosa Aneiros, pasando por Afra Torrado, Fernández Naval ou Eva Veiga

Celebrarase, ademais, o cuadraxésimo aniversario de Crime en Compostela. Gañadora da primeira edición do Premio Xerais, a novela de Carlos Reigosa é a obra que inaugura o xénero policial na literatura galega.

Por este motivo, o Selic rende homenaxe a este fito a través do seu cartel e dunha mesa de debate arredor da importancia desta obra, á que asistirán Fran Alonso, Xaquín Núñez Xabarís e o propio autor. Ademais, dous dos paseos literarios do Selic decorrerán polos escenarios da novela e polos espazos do xénero negro na cidade.

Ademais destas, o festival ofrece 12 andainas para descubrir a cidade desde outra ollada. Repítense paseos doutros anos como, por exemplo, o que percorre os escenarios de Doentes de Vidal Bolaño, percorrendo as rúas nas que transcorre a peza teatral nun paseo dramatizado. 

Por último, a Fundación Carlos Casares traerá, nas súas Coordenadas, outros dous recitais: un con Ghaveta e Rexina Vega; e outro coas cegas de Ouselle acompañando a Santi Romay sobre textos de Xesús Fraga.

Máis en CULTURA
Comentarios