Contracultura

Sole Felloza: "Villalta facía que o seu alumnado namorara do que estaba a ler e sentira paixón pola poesía"

Soledad Felloza (Paysandú, Uruguai, 1974), actriz e dramaturga, é a responsábel, xunto coa violinista Irina Gruia, de 'Tres mulleres na escuridade', un espectáculo no que dialogan con Luísa Villalta. O encontro, musical e poético, chega hoxe á Biblioteca Ánxel Casal (Compostela).
Irina Gruia e Soledad Felloza son as responsábeis do espectáculo 'Tres mulleres na escuridade'. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Irina Gruia e Soledad Felloza son as responsábeis do espectáculo 'Tres mulleres na escuridade'. (Foto: Nós Diario)

—Por que Tres mulleres na escuridade?
Todos os anos intento facer algo en homenaxe á persoa á que se lle dedica o Día das Letras, mais no caso de Luísa Villalta penso que eramos moitas as que estabamos agardando. Aínda así houbo que andar a remexer por bibliotecas para poder acceder a todos os textos que precisabamos. Sempre espero que as Letras signifiquen a reedición da obra das persoas homenaxeadas porque en moitas ocasións, cando chega o día, esta non é accesíbel.

A idea do espectáculo vén dunha frase dun poema seu que é "pensar é escuro". Sendo Luísa música e violinista tiña que contar con Irina Gruia, coa que traballo desde hai tempo grazas a un proxecto con artistas da Real Filharmonía da Galiza para o fomento da música clásica entre a cativada e a mocidade. Descubrimos que somos tres mulleres pensando na escuridade, sentíndonos, emocionándonos, reivindicando.

—Que lles achega a escuridade?
Gustounos o xogo desa penumbra na que, moitas veces, estás cómoda para falar do que estás a sentir. Dalgunha maneira é tamén ese lugar no que nos deixou toda unha sociedade que desprezaba a voz feminina e o que tiña que dicir. No caso da obra de Luísa, o que saen son lumaradas, versos que alumean e que queiman. Gustábanos tamén a idea de ir amosando ao longo do espectáculo que xa está ben, que hai moita forza que fai arder esas cousas que nos deixan na escuridade. Non temos por que quedar aí, a pesar de que haxa persoas que aínda queiran que o fagamos.

—Tendo a dificultade que comentaba para acceder á obra de Luísa, como enfrontou o proceso de creación do espectáculo?
Eu non cheguei a coñecela persoalmente, mais nos últimos 23 anos desde que cheguei á Galiza fun atopando obra dela. Como fotógrafa, O Papagaio chamou moito a miña atención. Como muller do teatro, quedei fascinada polas súas obras. Pouco a pouco fun facéndome con elas. Con respecto ás que non tiña, acudín a arquivos e bibliotecas para tomar notas; tamén no que respecta á prensa e ás publicacións que fixo, porque esta muller foi incríbel.

E cando falas con persoas que a coñeceron persoalmente, confírmano: foi unha muller moi activa, de estar en todas as loitas e sempre achegando a súa voz. O outro día nunha función aproximouse unha muller a contarnos como Luísa, cando fora mestra súa, fixera que todo o seu instituto sentira orgullo do galego e que leran poesía con entusiasmo. Dicíanos que Luísa era como un furacán entrando na aula, cunha presenza que facía que todo o alumnado mirara para ela e namorara do que estaba a ler.

Por todo isto, eu tiña moitas ganas de recitar os seus versos e levalos polos centros. Irina fixo todo o traballo de investigación con respecto á parte musical ligada a Luísa e ás súas obras. Isto fai que os versos teñan unha forza que se complementa perfectamente coas pezas musicais e que non precisa máis. 

—Aínda que xa tiñan colaborado antes, cales foron as sensacións traballando xuntas?
É moi curioso porque Irina é rumana e eu son uruguaia, mais as dúas estamos profundamente namoradas da música e da lingua e da literatura galegas, respectivamente. Estabamos tan emocionadas que se tivésemos utilizado a documentación orixinal que tiñamos, estariamos ante un espectáculo de catro días ininterrompidos.

Máis en CULTURA
Comentarios