De título económico -Vol. III-, o novo rexistro de Vudú está “cheo de sons máis pop ca nunca, percusións electrónicas e os seus inconfundíbeis tintes de jazz e soul. Parte de letras tradicionais que veñen directamente das súas avoas e atrévese por primeira vez con ritmos próximos aos anos 50”.
Unha noite na eira do trigo ou Eu chorar chorei -pensado como primeiro single- son algunhas das cancións populares incluídas nun traballo que contén tamén composicións propias: Lingua ou Xa me dixo.
Na gravación -efectuada nos estudios Drum&Roll da Coruña e no Observatorio Musical de Madrid- tamén colaboraron o percusionista Adrián Seijas, a saxofonista Nata Álvarez ou a rapeira de Moaña Wöyza.
“Música íntima e elegante para grandespequenos momentos”, afirma o dúo que practica. O domingo 16 de decembro, ás oito do serán no Garufa da Coruña, haberá ocasión de comprobalo.