Springsteen chama “idiota” a Trump e di que é o prezo a pagar “pola desindustrialización e a globalización"

“A República está acosada por un idiota”, afirmou o rockeiro norteamericano nunha entrevista con Rolling Stone.

Bruce
photo_camera Springsteen, ao vivo.

Springsteen, demócrata declarado, acaba de facer 67 anos e está a piques de lanzar a súa biografía, Born To Run.

Con este motivo, acaba de conceder unha entrevista á revista Rolling Stone, conversa en que mostra a súa preocupación polo crecimento do fenómeno Trump no seu país.

Na entrevista coa biblia das publicacións musicais do planeta, o autor de The River, un intérprete que ten dedicado boa parte da súa obra a retratar a vida da clase traballadora norteamericana, afirma que a “República [polos EUA] está acosada por un idiota”, ao tempo que expresa a súa convicción de que Hillary Clinton sería unha “moi boa presidenta”.

A cada vez maior distancia entre ricos e pobres tería criado un “terreno fértil para a demagoxia” da que se alimentaría Trump

Xa nunha entrevista previa no talk show dunha televisión norueguesa, Springsteen ligou o aparecimento de Trump no cenario político norteamericano á “tremenda desigualdade na distribución da riqueza” que caracteriza os actuais Estados Unidos. A cada vez maior distancia entre ricos e pobres tería criado un “terreno fértil para a demagoxia”.

O escritor de himnos xeracionais como Born in the USA -unha canción non chouvinista como podería dar a entender o seu título, senón crítica coa intervención imperialista do seu país no Vietnam- afirma a Rolling Stone que Trump “oferece respostas simples a cuestións moi complexas, respostas falsas a problemas moi complicados”.

“Hai un prezo a pagar por non ter abordado o custo real da desindustrialización e da globalización que ocorreu nos EUA nos últimos 35 ou 40 anos e como iso afectou profundamente a vida das persoas”, conclúe o músico.

Comentarios