Contracultura

Susana Sanches Arins: "Quería facer un libro que puidesen ler as miñas veciñas maiores non alfabetizadas en galego"

Susana Sanches Arins, (Vilagarcía de Arousa, O Salnés, 1974) foi galardoada co premio Follas Novas de Narrativa por 'Cinco corujas' (Através Editora), unha obra a medio camiño entre o relato e a poesía cunha estrutura de fábula e múltiples capas de lectura.
A profesora, escritora e crítica literaria Susana Sanches Arins. (Foto: Distrito Xermar)
photo_camera A profesora, escritora e crítica literaria Susana Sanches Arins. (Foto: Distrito Xermar)

Cinco corujas mestura as formas da narrativa e da poesía. Como chegou a esta configuración?
A miña idea inicial era facer un libro de relatos centrado en historias de infancia e así foi planificado. O que pasa é que despois os poemas comezaron a chamar por min e acabei por metelos no medio porque me parecía que completaban moi ben as lecturas. O texto vaime pedindo, máis do que eu decido. Por iso, para min recibir o Follas Novas foi unha sorpresa, porque a forma deste libro non encaixa nunha narrativa como a entendemos normalmente. Despois xa veu a alegría claro. Agradezo moito o recoñecemento ao meu traballo, mais sobre todo a visibilidade que pode dar a obras que noutras circunstancias poden pasar máis desapercibidas.

—Aborda estas historias de infancia, mais nunha estrutura que lembra moito á das fábulas.
En Cinco corujas falo de temas que me implican a min persoalmente. Quería contar un lugar, unha aldea, nunha época concreta, que para min está situada na ruptura entre a sociedade tradicional e o paso ao capitalismo, marcada pola entrada na Unión Europea e o que iso implicou no agro galego.

Mais iso está de fondo: nesa época, eu era unha crianza, polo que decidín contalo desde eses mesmos ollos. Os elementos están aí, mais filtrados polos ollos das crianzas.

—Que buscaba mostrar?
Interésame mostrar as transformacións do mundo rural, un espazo dinámico, que non está morto e que non se corresponde coa ollada esencialista que moitas veces hai sobre o mundo rural. Gústame contar o mundo que vivo eu e que haxa diversidade nas olladas. E de todo isto vén esa estrutura, porque bebe moito da tradición oral, de botar os contos. Ou, nas palabras de miña avoa, botar un chiste.

As curuxas teñen unha ollada atenta, aberta, igual que as crianzas. Nelas está presente a observación, a curiosidade por entender o mundo e interpretacións erradas ou parciais sobre o que está a acontecer, que moitas veces tamén acaban por desvelar como é o mundo en realidade. E a idea era ser quen de trasladar todo isto ao literario.

—É unha obra para público adulto, mais funciona para crianzas?
Na escola na que dou clase lin un dos relatos para as crianzas de quinto de primaria e ao ter distintos niveis de lectura, puideron entender perfectamente. Unha persoa adulta que lea ese mesmo relato verá máis cousas debaixo desas capas. Para min é unha perspectiva moi interesante á hora de escribir porque me permite ampliar as posibilidades. E agora é cando me estou dando de conta de que Cinco corujas funciona moi ben tanto con crianzas, que se vén representadas e entenden a historia co seu nivel de comprensión, como coas adultas, que poden chegar a ver os elementos máis profundos.

Realmente, cando escribín esta historia, pensaba en lectoras non afeitas a ler en galego. Ás veces escribo pensando concretamente en quen é o público da historia e, neste caso, quería facer un libro que puidesen ler as miñas veciñas porque son maiores e non están alfabetizadas en galego, mais lendo outras historias nas que as utilicei para crear personaxes quedaron moi contentas e até orgullosas. Algunhas delas xa leron Cinco corujas e tamén quedaron contentas, así que podo dicir que ese obxectivo xa o conseguín, aínda que quizais ían con máis interese por saber que era o que puxera da aldea.

Máis en CULTURA
Comentarios