O sábado morreu Mohammed Alí, muito máis que un deportista, un icone, e ese mesmo día actuaba na Coruña un dos seus fans, o cantor arxentino Andrés Calamaro.
Calamaro, letrista con alma de poeta, visitou o Monte de San Pedro horas antes do concerto e a contemplación da baía da Coruña inspiroulle un texto en que mesturou a homenaxe a Alí co tributo aos mariñeiros galegos. Leuno dúas veces durante o concerto, marcando unha das cimeiras emocionais dun espectáculo que a mestría do intérprete arxentino conduciu en todo momento polos vieiros do melodrama, como corresponde a un repertorio ateigado de tangos e boleros.
Eis o texto, traducido para o galego, que escrebeu Calamaro na súa estancia coruñesa:
E no monte de San Pedro sentín que a saudade me agarraba o peito con suavidade e forza,
porque un mesmo Deus para ateos e crentes recibe na súa gloria a un anxo negro
que loitou pola liberdade cos puños
como os mariñeiros galegos coñecen a liberdade realmente…
Bob Dylan dixo: “xa non creo en negros e brancos, en ricos ou en pobres, creo en arriba e abaixo, e abaixo está moito perto do chan”
e alá arriba pensaba que se alguén sabe o que é abaixo, ese é un boxeador ou un náufrago…
E pensei que ese Deus único que nos espera a todos con maior ou menos paciencia
ten demasiado espazo nese grande todo que non é arriba nen abaixo, que probabelmente sexa a grande nada.
E espéranos e desespéranos todo o espazo que ten ese mar profundo que recibe na súa gloria Muhammad Alí, nado como Cassius Clay.
Oxalá poda lembralo para o dicer esta noite antes de bicar o chan da Coruña.
Naturalmente Calamaro bicou o chan do palco do Palacio da Ópera e triunfou, triunfou absolutamente.