A Universidade da Coruña analiza o papel das mulleres no mundo editorial

Fabiola Sotelo, Beatriz Barandas e Mercedes Queixas relatan experiencias coa edición na Universidade da Coruña.
Fabiola Sotelo (Editorial Sotelo Blanco, para alén de primeira presidenta da Asociación Galega de Editoras), Beatriz Varandas (Ir Indo Edicións) e Mercedes Queixas (Edicións Laiovento) no encontro (Foto: Nós Diario).
photo_camera Fabiola Sotelo (Editorial Sotelo Blanco, para alén de primeira presidenta da Asociación Galega de Editoras), Beatriz Varandas (Ir Indo Edicións) e Mercedes Queixas (Edicións Laiovento) no encontro (Foto: Nós Diario).

O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña (UDC) realizou onte o encontro de investigación Elas no prelo III. Mulleres no mundo da edición na Galiza. Este evento forma parte dos traballos do proxecto A edición literaria na Galiza, 1975-2000, coordinado por Carme Fernández Pérez-Sanjulián, membro do Grupo Investigación Lingüística e Literaria Galega (ILLA).

O estudo do papel das mulleres nos proxectos editoriais desa etapa é un campo pouco explorado e foron poucas as visíbeis polas características da industria editorial.

Por este motivo, con este encontro preténdese achegar o traballo e o papel que as mulleres tiveron na industria cultural, en xeral, e no mundo editorial, en particular. 

Na primeira parte da xornada, baixo o título Elas editan: construírmos un catálogo de mulleres no campo editorial (1975-2000), fíxose unha achega aos resultados da investigación en curso, coa análise de datos cuantitativos do sector, así como das experiencias das protagonistas.

A seguir, desenvolveuse a sesión Editar libros: tres experiencias en primeira persoa onde tres mulleres con ampla actividade profesional no campo editorial: Fabiola Sotelo (Editorial Sotelo Blanco, para alén de primeira presidenta da Asociación Galega de Editoras), Beatriz Varandas (Ir Indo Edicións) e Mercedes Queixas (Edicións Laiovento) presentaron as súas experiencias e reflexións sobre o sector. 

Na última parte desta xornada, cada unha das relatoras anteriores foi protagonista dunha sesión de traballo. Alí, a partir dunha ampla entrevista persoal, desenvolveron un diálogo en profundidade co equipo investigador do proxecto.

Comentarios