Viaxe á literatura galega da man de Manuel Veiga para vela con ollos renovados

O traballo máis recente de Manuel Veiga (Monforte, 1960), 'A literatura galega contada aos escépticos' (Galaxia), recolle unha ducia de achegas que tratan de botar luz sobre algunhas cuestións que se manexan topicamente sobre o libro e a literatura galega.
Manuel Veiga, durante a entrevista (Foto: Xan Carballa).
photo_camera Manuel Veiga, durante a entrevista (Foto: Xan Carballa).

"Ás veces fálase da tradución dunha obra ao español esquecendo que existe tamén versión en galego" ou "moitos lectores e lectoras son escépticos porque ven o producido en Galiza como unha sorte de material de segunda clase. Confían máis na calidade da nosa gastronomía que na das nosas letras", son algunhas ideas que lanza Manuel Veiga desde as primeiras liñas dun libro que reúne e unifica materiais diversos, algúns deles publicados, e agora ampliados, na revista literaria dixital Biosbardia. Abórdase sobre todo un período contemporáneo, "o libro vai desde a chegada da democracia a hoxe, deixando fóra os dez ou quince anos recentes, nos que se produce un incremento espectacular de libros escritos por mulleres, que apenas os toco porque é difícil valorar en tan curto prazo e con perspectiva".

Non hai que buscar exahustividade no libro e si unha escolla de materiais, que cando remata a lectura deixa conclusións e interrogantes, "é unha interpretación persoal e non tiven nunca pretensión de totalidade. De feito hai moitas obras e autores de interese que quedaron fóra. Penso na poesía de Bernardino Graña e Luís González Tosar ou na narrativa de Teresa Moure e Cid Cabido". A corta peza final é tamén suxerente, co título 'Un epílogo para Valle Inclán', por ser un autor galego que escribiu en castelán, "Valle é importante para Galiza porque reproduce de modo parecido a como Joyce quixo representar Irlanda, a través dunha criada. Considerar Valle pode resultar traumático, pero tamén frutífero, como sucede con todas as clases de exilio".

Suxeríndolle como un posíbel subtítulo De Rompente a Berta Dávila, explícanos este enfoque en quince capítulos, “hai moitas maneiras de analizar ou facer crítica literaria. Hai quen vai autor a autor, obra por obra ou analiza a época. Eu vou a situacións que me chaman a atención, que me parecen importantes e definen un período. Pode parecer aleatorio, porqué tal autor ou idea. Pero non tento ser exhaustivo, e faltan persoas fundamentais dunha época ou apenas aparecen. Vou máis ás tendencias que a min me chamaron a atención e que non vexo moi comentadas. Aí entra a calidade literaria pero tamén a sociedade da época ou a socioloxía da cultura. Hai libros, como Polaroid de Suso de Toro, que tomado isoladamente pode non ser un gran libro, pero marcou unha ruptura nos anos oitenta co estilo da literatura galega no momento que saíu. Se fose hoxe apenas tería importancia pero daquela foi un choque para os lectores”.

Mudanza na poesía

Pensando nese período inmediato á saída da ditadura, a poesía tamén contemplou daquela unha mudanza profunda, con obras e traxectorias que hoxe podemos entender con perspectiva e que no seu momento eran olladas con sospeita de falta de compromiso, “Os poetas dos 80, que foron unha fornada grande e eran todos novos nese momento, teñen varias características. Antes deles había unha poesía moi comprometida, usando termos da época, e esta xeración era xente moi formada, algúns deles filólogos e sobre todo con acceso a lecturas máis amplas doutras poesías de fóra. Subían un chanzo no coñecemento da literatura, pretenderon romper un pouco con esa marca de compromiso e aumentar o nivel literario. Para iso amplían moito máis o léxico, distáncianse do costumismo, tamén do rural, perseguen darlle á lingua e ás ideas maior amplitude, con referencias internacionais de autores non traducidos ao galego, tratando de ensanchar as perspectivas. Ás veces caeron no elitismo, outras nun pedantismo xuvenil, pero ao pouco tempo vimos que iso foi moi bo porque subiu tanto o rexistro lingüístico como a relación co mundo exterior. E deulle un plus de potencia á literatura galega”.

Escepticismo, calidade e presenza pública

Preguntado sobre se nunha sociedade de 2,5 millóns de habitantes falta público para o libro galego ou está mal valorado por prexuízos e falta de presenza, Manuel Veiga asegura que “hai moita xente favorábel ao galego, galegofalante e boa lectora pero que non compra ou le apenas libro en galego. Mesmo é escéptica sobre a calidade da nosa literatura. Cando sae unha obra galega mírana con distancia, con escepticismo e non a len. Neste libro non pretendo dicir que a literatura galega é moi boa ou moi mala, só trato de dicir que está viva, que ten interese e trato de destacar o que me pareceu máis interesante dos últimos anos, as correntes máis decisivas. Ademais para o público xeral e para moitas librarías, o libro galego é un xénero tomado en conxunto, igual que hai novela histórica, romántica, policial e despois está ‘galego’. Isto sométeo a unha restrición, porque parece que todo é igual cando non o é en absoluto”. 

Esa uniformidade no trato agacha moitos fenómenos singulares a destacar, “que Lois Pereiro ou Xela Arias, cultivadores do vangardismo na poesía, fosen celebrados nas Letras Galegas, algo que non pasaría en moitas culturas, amosa un fenómeno singular. E iso convive simultaneamente con autores que se moven na novela negra ou na novela de boas intencións influída pola venda do libro que se dirixe aos institutos, marcada pola esixencia de educar en valores. Poderíamos pór moitos mais exemplos que describen que o panorama da literatura en galego é moi amplo e non pode restrinxirse a un estante ou unha etiqueta que o agrupa todo”.

A pluralidade de escritores e escritoras aumentou moito en só tres décadas e as editoriais pódense permitir tiradas curtas e probar a recepción cun investimento máis medido, “antes editar 1.000 ou 2.000 non supuña unha gran diferenza de prezo, pero o cambio tecnolóxico permite tiradas moi pequenas e facer reimpresións rápidas e sucesivas se hai demanda e é moito menos gravoso sacar novidades. Hoxe temos máis escritores e escritoras con obra publicada cando hai trinta ou corenta anos a xente que escribía era moi pouca. Como xornalista de A Nosa Terra podías coñecer persoalmente a práctica totalidade, telos entrevistado e da maioría podías ter lido algún título. Felizmente iso non é posíbel hoxe. Ningunha persoa pode facelo e é motivo de felicitación para o país. Se antes había 200 autores, hoxe hai 2.000, aínda que algún só teña un libro. Iso sucede tamén pola incorporación espectacular e masiva da muller á edición. As mulleres sempre foron as que máis lían, algo que xa se observaba na Francia do XIX, pero por diversos motivos non eran autoras. Nos últimos quince anos é xa un fenómeno sen volta atrás, que as sitúa quizais no 40% do número total de autores, vindo apenas do 1%”.

O trato dos medios á literatura e aos autores galegos é tamén observada criticamente polo autor de A literatura galega contada aos escépticos, “sobre a presenza nos medios hai algo curioso. Os dous autores que máis presenza tiveron e un papel máis relevante e recoñecido no exterior, tanto en Madrid ou noutros países, son Manuel Rivas e Suso de Toro. Chama a atención as poucas entrevistas que tiveron na prensa galega. Saíron e saen moi ocasionalmente. É algo inaudito. Por que apenas foron entrevistados en tantas décadas? Que pasa con eles? É asombroso. E digo estes dous autores, porque eran os máis coñecidos, non falemos xa dos demais”. 

Nos anos 80 un director acabado de chegar ao Faro de Vigo respondíanos sobre se habería unha maior presenza do galego no medio cun distanciado: “será a xusta e necesaria”. Hoxe a contemplación estrañada ao país da maioría do sistema de medios de comunicación mantense en boa medida, “hai suplementos culturais que acaban operando como reserva india da cultura galega, e danlle un aire de anormalidade á literatura propia. Ás veces ves contraportadas de diarios do país que entrevistan a toda páxina a un autor de Murcia de segunda fila que pasou pola cidade, pero nunca ves un autor galego aí, nin bo nin mediocre. Na maioría da prensa a cultura e a literatura galegas seguen a ser unha anomalía. É vista como un corpo estraño e iso percíbeo o lector rapidamente. E sendo o castelán absolutamente maioritario nos medios e no ensino, créase un ambiente desfavorábel para a literatura galega. Así é difícil que te convertas nun lector asiduo na lingua propia porque non está na atmosfera na que vives. Ese é o maior límite á hora de procurar o aumento de lectores. Hai materia de galego no ensino, e iso é bo, pero nesta circunstancia social abafante, opera como lingua estranxeira. Tamén hai de inglés e non por iso se len máis libros en inglés”.


Premio da crítica por 'Perder as bestas'

O 13 de abril a Asociación Española de Críticos Literarios concedeu o Premio da Crítica en Lingua Galega no apartado de narrativa á novela de Manuel Veiga Perder as bestas (Xerais, 2023), na que destacan o uso dun "estilo minimalista, de altísima eficacia grazas a un poderoso traballo de selección léxica".

Así como xa se teñen publicado moitos textos nos que o transfundo da resistencia guerrilleira se ten tratado na literatura galega, o libro agora premiado aborda un asunto pouco profundado documentalmente mesmo pola investigación histórica: a contrainsurxencia como mecanismo da represión para poder destruír e mesmo debilitar o apoio social á Resistencia. 

Sobre a obra, que se sitúa nos primeiros anos da ditadura franquista, explica o propio autor que "as partidas eran grupos pequenos de guerrilleiros que actuaban en comarcas concretas. Como era difícil facerlles fronte cos medios normais, porque tiñan certo apoio nas zonas nas que actuaban, o Goberno decidiu crear as contrapartidas, unha especie de grupos que hoxe chamariamos paramilitares, pero que estaban dirixidos por mandos do Exército e da Garda Civil, que copiaban a guerra informal das guerrillas para perseguilas e que moitas veces cometían barbaridades contra a poboación, facéndose pasar por guerrilleiros, co obxectivo de desprestixialos. Dentro delas había auténticos sicarios".

Comentarios