Xornada da AELG sobre literatura e cinema

Este sábado 28 celébrase no Ágora da Coruña unha xornada da AELG e da AS-PG arredor de literatura e cinema na que participarán Manolo González, Margarita Ledo, Eva Veiga, Antía Otero, Celia Parra e Martin Pawley. 

“Unha literatura en imaxes” titúlase a xornada que organiza a AELG e a AS-PG, na que participan destacados personaxes da cultura galega. O primeiro en intervir será Manolo González, ex director da Axencia Galega do Audiovisual e mestre, que disertará sobre “Literamas, a literatura galega no cinema”, ou como aproveitar o cinema para aplicar no ensino. 

A continuación Margarita Ledo e Eva Veiga falarán de 'A cicatriz branca. O corpo da fala' nunha mesa redonda. Logo tanto a poeta Antía Otero como Celia Parra falarán da poesía e o vídeo, aínda que a intervención de Parra será un obradoiro de introdución á videopoesía. 

Por último, Martin Pawley, crítico de cinema, contará a súa experiencia no proxecto Nimbos, unha serie de curtas realizadas por diversos cineastas ‑non só de Galiza- inspirados en poemas do libro Nimbos de Xosé María Díaz Castro. A iniciativa foi impulsada dende o blog Acto de Primavera e na actualidade conta xa con perto de trinta pezas, varias das cales foron exhibidas en festivais internacionais de cinema.

Máis en CULTURA
Comentarios