Contracultura

Xosé Cermeño: "Os polbos son quen de aprender, lembrar e desenvolver artimañas para lograr o que queren"

Xosé Cermeño, sociólogo e creador de televisión, recolle algúns dos seus intereses na súa nova novela, 'Días felices con Fábia' (Galaxia), unha historia que xira arredor da acuicultura do polbo no Porto, mais tamén do amor e das mentiras.
Xosé Cermeño recolle o seu interese polos polbos na súa última novela. (Foto: Paula Cermeño)
photo_camera Xosé Cermeño recolle o seu interese polos polbos na súa última novela. (Foto: Paula Cermeño)

—A acuicultura do polbo é un tema moi concreto. De onde xorde esta historia?
Ese foi precisamente o xerme da historia, que levaba na miña cabeza bastante tempo. Hai moitos anos, nunha tarde de verán na casa dun amigo, conversei cun biólogo que estaba alí presente e que sabía deste asunto cando aínda estaba nos seus inicios e non había moitos progresos e estivemos falando desta investigación. Tempo despois tamén tiven a oportunidade de visitar as instalacións dunha institución científica nas que se estaba investigando isto.

Ao final son pequenos detalles que van facendo que ese interese que xa tes de base vaia aumentando. Ademais, este é un asunto que se está pondo de moda nos últimos anos porque os polbos están chamando moito a atención da bioloxía. Para ser animais invertebrados como son, que están máis perto dun caracol que dun can, teñen unha complexidade neuronal moi interesante: son quen de aprender, lembrar e desenvolver artimañas para conseguir o que pretenden. Por iso nos últimos anos tamén foron xurdindo libros sobre o tema desde o punto de vista da bioloxía. Eu estudei socioloxía e a miña licenciatura é en antropoloxía cultural, nada que ver con este asunto, pero sempre me gustou moito a vida natural. Era un neno que pasaba o día observando ras e lagartos. Ademais, a historia está ambientada nas cidades do Porto e Matosinhos porque era un bo sitio para situar esta acuicultura, mais tamén porque eu teño unha certa ligazón sentimental co Porto. É unha cidade que teño visitado moito por distintos motivos e na que sempre me sentín ben.

—Nesa parte sentimental que comentaba hai amor, mais tamén hai mentiras. Como se relacionan?
Diso trata o libro: do peso das mentiras que hai nas nosas vidas, ben no laboral, no sentimental ou noutros ámbitos. Irène Némirovsky é unha autora ucraína que escribía en francés e que morreu en Auschwitz e nunha das súas novelas dicía que unha historia de amor é sempre a lembranza dun momento de amor. Esa é a historia da miña novela: un momento, que poden ser días ou semanas, que é lembrado polo protagonista. E se o amor é só un momento, que máis hai arredor? Que hai antes e despois del? No caso deste home, mentiras. É unha novela de amor, mais tamén de desamor. 

—Tamén están presentes a melancolía e o humor.
Efectivamente, porque non son incompatíbeis. A melancolía é aportada polo protagonista porque é perfectamente consciente de que a historia que está vivindo é importante para el, mais tamén de que é unha historia necesariamente fracasada. Despois o punto de humor xa o pon a vista do narrador, que son eu. Ademais, a novela ten algunhas curiosidades. O protagonista é un realizador de televisión que está no paro e ao que lle ofrecen facer un traballo co que nunca contou, mais que debe aceptar porque necesita estes cartos. O traballo é precisamente facer unha reportaxe sobre a acuicultura dos polbos no Porto, mais paralelamente vai desenvolvendo un caderno no que anota historias que lle van parecendo interesantes.

Esta compilación xorde, en primeiro lugar, por un interese profesional, quizais coa idea de facer unha película algún día, mais despois a cousa vai evolucionando porque, ao repasalas, dáse de conta de que dalgunha maneira se está vendo reflectido a si mesmo nelas. O fío común de todas estas historias é que están protagonizadas por mentireiros, falsificadores, estafadores... E el vese xustificado ou inspirado porque entende que todo ese conxunto ten algo que ver con el mesmo e coa súa propia vida no momento do relato. O curioso do que falaba é que están todas sacadas da realidade: apareceron en xornais, revistas, redes sociais, televisións... Algunhas teñen un punto divertido onde tamén está presente ese humor que mencionaba, pero outras son máis amargas.

Comentarios