A Xunta enfada autores e editores pola presenza en Cómic Barcelona

A consellaría de Cultura anuncia actividades que non figuran no programa oficial do encontro.
Imaxe do stand facilitada pola Xunta.
photo_camera Imaxe do stand facilitada pola Xunta.

A Consellaría de Cultura anunciaba o pasado día 2 que, despois de 15 anos -desde o Goberno bipartito- a banda deseñada galega volvería estar representada no festival Comic Barcelona. A Consellaría comunicaba que contaría cun expositor propio no que se daría "promoción e difusión a 80 títulos de novidades editoriais deste xénero".

O departamento de Cultura notificaba, ademais, que neste espazo se presentarían a edición deste ano de Viñetas desde o Atlántico, o festival de animación Imaxinaria da Coruña, e o certame Compostela Ilustrada. Porén, no programa oficial do encontro non existe referencia ningunha a estas presentacións.

Da mesma forma, a Consellaría anunciaba no seu comunicado que no seu stand participaría Kiko da Silva, ilustrador, director de O Garaxe Hermético, a Escola Profesional de Banda Deseñada e Ilustración. Mais Da Silva fixo público un comunicado nas súas redes sociais, no que desmente a súa participación nas actividades organizadas pola Xunta da Galiza, "basicamente porque o que ofreceron foi, manda ti os libros (nin sequera os mercaron) e vén sentar ao stand da Xunta a facer as cousas que facedes nas feiras do cómic".

"Eu estou agora en Barcelona, pero pagándome eu a viaxe e a estancia, posto que a Xunta non me cubría ningún gasto", explica Da Silva a Nós Diario. "E, por outro lado, tampouco me ofreceron ningunha actividade. A unha feira profesional vaise cunha axenda profesional: entrevistas con editores, encontros, charlas..., non a figurar. Non me parece normal que o diñeiro público se gaste desta maneira cando non hai unha soa axuda para a banda deseñada".

Henrique Alvarellos, presidente da Asociación Galega de Editores concorda na necesidade de fiscalizar este gasto e declara a Nós Diario que "por desgraza, esta é unha practica habitual da Xunta -contraria aos intereses do sector- en todas as feiras contra o que levamos anos loitando. Nesta ocasión nin sequera nos comunicaron que ían ter presenza en Comic Barcelona. Soubémolo polos medios".

Comentarios