Xustiza

A Audiencia Nacional arquiva de forma definitiva a causa sobre a ampliación de capital do Banco Popular de 2012

A Sala agora dá a razón ao xuíz —que rexeitou novas pescudas— e descarta o argumento dos recorrentes, que consideraban que quedaran "dúbidas sen aclarar por parte dos peritos" e que serían "de vital importancia para poder acreditar" se se cometeu un delito.
Unha sucursal do antigo Banco Popular. (Foto: Europa Press)
photo_camera Unha sucursal do antigo Banco Popular. (Foto: Europa Press)

A Sala do Penal da Audiencia Nacional vén de arquivar de forma definitiva a causa na que se investigaban presuntas irregularidades cometidas na ampliación de capital do Banco Popular de 2012. Nun auto difundido esta sexta feira, os maxistrados da Sección Segunda confirman a sentenza pola que o xuíz Santiago Pedraz denegou a práctica de novas dilixencias e acordou o sobresemento provisional da investigación "ao non resultar debidamente xustificada a perpetración de delito ningún".

A acusación de Cerquia Gestión, Cercupenta e mais o empresario Carlos Cercadillo entendía que o maxistrado debía practicar novas dilixencias que complementasen a pericial realizada polos inspectores do Banco de España que aseguraron que a decisión de realizar a ampliación de capital foi "un bo investimento con independencia da rendibilidade que obtivese cada un dos accionistas".

A Sala agora dá a razón ao xuíz —que rexeitou esas novas pescudas— e descarta o argumento dos recorrentes, que consideraban que quedaran "dúbidas sen aclarar por parte dos peritos" e que serían "de vital importancia para poder acreditar" se se cometeu un delito.

Os querelantes sosteñen que a información pública fornecida sobre a ampliación de capital de 2012 "contiña omisións e informacións nesgadas e terxiversadas para captar un capital que doutra maneira non fose posíbel obter, incumprindo os deberes de información estabelecidos en orde a garantir a transparencia do mercado de valores". No seu recurso tamén atacaban a decisión de arquivar a causa por parte do xuíz.

Pola súa parte, a Sala lembra que para continuar coa tramitación do proceso tería que darse "existencia de indicios suficientes dunha manipulación da situación contábel e económica do Banco Popular para propiciar unha imaxe errónea dos seus estados financeiros" ou ben "indicios suficientes de que as irregularidades contables —falseamento da información económico-financeira— causaron un prexuízo de notoria gravidade aos investidores".

Sen manipulación das contas

O xuíz Pedraz deixou claro no auto no que decretou o sobresemento que "non se deduce a existencia dunha manipulación da situación contábel e económica do Banco Popular para propiciar unha imaxe errónea dos seus estados financeiros á que realmente tiñan, afirmacións efectuadas en varias ocasións polos peritos do Banco de España ante as preguntas das partes".

Nesa resolución do pasado mes de novembro o maxistrado, seguindo o criterio da Fiscalía Anticorrupción, considerou que a ampliación de capital de 2012 foi efectuada "conforme á lexislación vixente e sendo sometida aos controis pertinentes".

O xuíz facía súas as conclusións da fiscal Belén Dorremochea, que remitiu un escrito ao Xulgado no que pedía o arquivo da causa facendo alusión a un documento chave: a pericial do Banco de España que cualificou a operación de "éxito" e que sostiña que a ampliación supuxo "un bo investimento con independencia da rendibilidade que obtivese cada un dos accionistas".

Nesta liña, Anticorrupción sinalaba que a operación "se produciu nun contexto de grave crise económica mundial que obrigou os diferentes estados a adoptar medidas que paliasen a situación, que no caso de España consistiron en implementar estritas medidas no sector bancario".

No suposto do Popular, explicaba a fiscal, "calculouse que tiñan que obter 3.223 millóns de euros de recursos propios adicionais e o banco decidiu cumprir cos requirimentos a través dos seus propios medios sen recorrer ás axudas públicas, optando por realizar unha ampliación de capital en 2012 para cumprir os obxectivos requiridos a nivel estatal".

Comentarios