Caixa Rural Galega consolida a súa senda de crecemento e bate os seus récords

A Asemblea Xeral de Caixa Rural Galega aprobou as súas contas anuais de 2023 cun resultado que cualifican de “histórico”. O seu beneficio neto foi de 21,6 millóns de euros, unha cifra que marcou un ano “excepcional” ante un futuro incerto pola desaceleración económica.
O consello reitor de Caixa Rural Galega na Asemblea Xeral (Foto: Caixa Rural Galega).
photo_camera O consello reitor de Caixa Rural Galega na Asemblea Xeral (Foto: Caixa Rural Galega).

Caixa Rural Galega continúa na senda do crecemento, sempre mantendo a súa esencia afincada no país a través da fórmula de cooperativa de crédito. Confirmouno esta pasada fin de semana a súa Asemblea Xeral anual realizada na sede central situada na cidade de Lugo tras as xuntas preparatorias que decorreron con anterioridade nas localidades de Pontevedra, Melide (Terra de Melide), Lugo, Antas de Ulla (A Ulloa) e Vilalba (A Terra Chá). 

O consello reitor da entidade, presidido por Manuel Varela viu aprobadas as contas do exercicio 2023 que destacan un beneficio neto de 21,599 millóns de euros, deixando un incremento superior a 140% respecto do ano anterior e, máis unha vez, unha cifra récord. Este resultado explícase, segundo Varela, polo "extraordinario comportamento" dos beneficios motivado “polo aumento do prezo do diñeiro".  "A Caixa estaba especialmente preparada para este suposto, xa que esperabamos que este fose o escenario máis lóxico desde facía tempo”, engade o presidente do consello reitor.

En concreto, axudou ao incremento, asegura,   "unha mellora de marxes froito da subida de tipos de xuro oficiais que levou a cabo o Banco Central Europeo (BCE) ao longo do exercicio, así como á rapidez e intensidade desta suba". Unha situación moi diferente da de anos anteriores, na que os tipos de xuro negativos penalizaban as contas de resultados do sector. "O reto en 2023 era evitar a recesión e logrouse un crecemento bastante superior ao previsto polo Goberno español", asegura Manuel Varela. "Esperábase un ano de pobres crecementos e as principais economías resistiron bastante ben", acrecenta. 

1.842 millóns de euros en depósitos de clientes

As contas de Caixa Rural Galega recollen uns activos que superan por primeira vez os 2.000 millóns de euros e supoñen un crecemento algo superior a 3,50% respecto do ano anterior. Os depósitos de clientes alcanzan os 1.842 millóns de euros e a inversión crediticia achégase aos 851 millóns de euros, en termos netos, o que supón uns incrementos para ambas as partidas de 5,6% e de 3,1%, respectivamente.

O investimento crediticio bruto alcanzou os 867 millóns de euros, cun incremento de 37 millóns, o que supón 4,47% respecto do exercicio anterior. A morosidade, pola súa parte, fechou 2023 en 2,71%, unha porcentaxe algo inferior á do exercicio anterior e por baixo da media do sector, un resultado que, para a entidade, “hai que destacar por realizarse nun contexto de suba de tipos de xuro, inflación e incertezas no ámbito internacional”. 

A parte máis importante do risco crediticio de Caixa Rural Galega está nas mans de clientela particular (61,31%) e case 30% corresponde a pequenas empresas e profesionais autónomos. En declaracións a Nós Diario, o director xeral de Caixa Rural Galega, Jesús Antonio Méndez Álvarez-Cedrón, relaciona estas cifras co seu papel "fundamental, o noso maior cometido".  No propio funcionamento da cooperativa, afirma que "sempre estabelecemos relacións con socios e clientes con vocación de continuidade e tratamos de achegar aquilo que o cliente precisa". 

A idea da cooperativa, en palabras do director xeral, é procurar ser "un apoio financeiro estábel e de confianza", unha proposta que, asegura, "tivo como resultado incrementar o financiamento  aos socios, mediando en cotas de mercado, nunha contorna de despancamento xeneralizado".

Actividade patrocinadora

Un dos apartados que Caixa Rural Galega coida con máis agarimo é o seu Fondo de Educación e Promoción. Nas contas de 2023, a Asemblea Xeral aprobou a concesión de 400.870,89 euros que se destinaron a 111 actividades. Dúas delas tiñan como obxectivo fomentar o cooperativismo (107.218,19 euros), 74 situaban o seu eixo en actividades socioculturais (211.217,10 euros), 25 entraban no apartado de fomento da práctica deportiva (38.850 euros) e 10 no relacionado coas actividades formativas (43.585,60 euros). 

O presidente da entidade apela ao "enfoque na responsabilidade social" que ten a cooperativa crediticia co territorio. Por este motivo tamén salienta como outro piar que a entidade sexa "sustentábel", polo que asegura que intensificarán todos os seus esforzos "en fomentar a inclusión promovendo prácticas comerciais éticas e responsábeis, como corresponde a unha entidade que desde sempre responde aos valores cooperativos".

Aproveitar a contorna

“Vivimos unha época de cambios xeopolíticos que coliden directamente nos fluxos de comercio e investimento internacionais e que supoñen previsibelmente a volta a comportamentos máis proteccionistas”, entende Manuel Varela, “seguramente isto posibilitará oportunidades que debemos aproveitar ao situarse a produción en contornas moito máis próximas”, augura o presidente de Caixa Rural. A entidade cooperativa sempre se caracterizou pola prudencia en relación á apertura de novas oficinas e na contratación de persoal. 

Os datos de 2023 sinalan que conta con case 22.000 persoas socias e mantén en 2024 un total de 48 oficinas abertas cun cadro de persoal que suma 166 persoas, cunha maior presenza de mulleres (97) fronte a homes (69). Son cinco persoas empregadas máis que en 2022. 

Méndez, pola súa parte, indica que a apertura de oficinas "irá en función da evolución da entidade". No tema das localizacións, aclara que "os criterios estarán mais enfocados alí onde teñamos capacidade para desenvolver a nosa actividade, onde poidamos chegar a máis poboación". Neste sentido, o directivo recoñece que terán en conta "tamén por unha cuestión de rendibilidade e complementariedade, a rede actual". En todo caso, pon de relevo que "o esforzo para loitar contra a exclusión financeira facémolo evitando o feche de oficinas, mantendo os horarios e a capacidade de atención ao publico". 

En relación ao futuro e á tendencia global "proteccionista", o director xeral coincide en que é unha situación "coa que temos que vivir, que traerá custos e tamén oportunidades en xeral". En todo caso, conclúe que "seguiremos traballando e apoiándonos na proximidade ao socio e ao cliente, co trato persoal que é que o noso selo de identidade e a nosa maior vantaxe".

Comentarios