Cal será a evolución do prezo do azucre na próxima década? É un risco para a economía?

O edulcorante é unha mercadoría "fundamental" na estrutura do actual mercado global.
O custo do azucre ten influencia sobre os prezos doutros produtos de alimentación, mais tamén sobre outros sectores da economía (Foto: Rafael Bastante / Europa Press).
photo_camera O custo do azucre ten influencia sobre os prezos doutros produtos de alimentación, mais tamén sobre outros sectores da economía. (Foto: Rafael Bastante / Europa Press).

"O prezo do azucre vai aumentar arredor de 11,5% (sobre 1,1% cada ano)", este é o aviso que lanza o artigo Desenvolvemento futuro do mercado de azucre na Unión europea no período 2023–2032, asinado por un extenso equipo de economistas pertencentes a varias universidades da República Checa.

"A UE é o maior produtor mundial de remolacha azucreira e un dos principais mercados de consumo [de azucre] no mundo", segundo explica este artigo científico. Os seus resultados econométricos mostran que o modelo de abastecemento de azucre no mercado comunitario "é determinado polo volume de produción de azucre, stock de azucre inicial, importación de azucre cru e a remolacha azucreira recollida por hectárea". Ademais, "o modelo implica que o prezo de azucre é determinado polo prezo do produto no período previo e por cambios políticos".

Baixo estes parámetros, e prevendo que a produción na UE reducirase 4,5% (arredor de 0,46% cada ano) entre 2023 e 2032, o equipo de economistas lanza a predición de que o custo do azucre no mercado comunitario subirá 11,5% no período.

Influencia noutros sectores

"O azucre é amplamente consumido a nivel global como edulcorante, e coa súa función fundamental no mercado alimentario global, é unha das mercadorías máis importantes", sinala o documento. "Moitos sectores están estreitamente ligados á produción de azucre, como o alimentario e a industria de bebida, a industria farmacéutica e outros sectores industriais", engade.

"Isto provocou un aumento masivo na produción de azucre. A sobreprodución aconteceu non só na UE, senón no mundo enteiro. Este fenómeno causou dificultades no sector do azucre refinado europeo e trouxo unha diminución nos prezos", afirma. "A caída do seu custo só se detivo recentemente, aínda que foi debido aos 'shocks' de mercado e á crise enerxética experimentada nos últimos anos", conclúe. 

Unha inversión da tendencia no prezo que predín que continuará durante a próxima década a nivel comunitario. Neste contexto, é probábel que se produza unha transferencia cada vez maior dos custos do azucre ao aumento das taxas de inflación.

Inflación da OCDE

Precisamente, a taxa de inflación interanual dos Estados da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE), o club das principais economías occidentais, acelerouse en maio até 5,9% desde a taxa de 5,7% de abril, o que supón a maior suba dos prezos desde decembro de 2023. 

A repunta dos custos en maio estivo motivada principalmente pola suba de 2,5% do prezo da enerxía, fronte á baixada de 0,1% en abril, mentres que os alimentos mantiveron estábel o seu encarecemento en 4,8%. Desta maneira, a inflación subxacente da OCDE, que exclúe enerxía e alimentos frescos, foi de 6,1%, unha décima porcentual menos que no mes anterior.

Pola súa parte, a suba de prezos na Galiza en maio foi a máis alta do Estado español, cunha taxa de 4%. Aínda que os custos aumentaron menos que na conxunto da OCDE, a inflación rexistrada a nivel galego foi máis alta que na zona euro (2,7%).

Peor calidade dos préstamos e máis empresas vulnerábeis

O contexto económico, alén das dúbidas sobre o futuro da inflación e dos tipos de xuro, tamén fica marcado por unha "certa deterioración" na calidade dos créditos concedidos aos fogares, ao mesmo tempo que se produciu un "aumento moderado" das empresas vulnerábeis, segundo advertiu onte o Banco de España.

"A pesar da evolución financeira favorábel que presentan no seu conxunto, nos fogares observouse unha certa deterioración na calidade dos créditos [que lle foron] concedidos", explicou o organismo. Con respecto ás empresas, o Banco de España sinala que os concursos de acredores experimentaron unha repunta no primeiro trimestre de 2024. Con todo, explica, a proporción de empresas vulnerábeis "seguiría sendo reducida en termos históricos".

Comentarios